LINGUA PROLETARIA | O |
30 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.ANXO Luxilde, autor do libro O voto emigrante , é rotundo cando afirma que un galego de Barcelona non pode votar aquí, en Galiza, e en troques, un sobriño seu que viva en Bos Aires, e non sabe sinalar no mapa onde naceu seu avó, si o pode facer. -Eu xa non iría a Barcelona -di Xulio-, quedaríame aquí en Asturias ou en León, que aínda é peor. Volven os debates sobre o voto emigrante, e Xulio, que non é partidario de permitirllo a quen non está na realidade relacionado con Galiza, di que primeiro deberíamos preguntarnos ¿quen é o emigrante?, porque iso de estender esta denominación ós netos, podería levarnos ós galegos a reclamar, como descendentes dos suevos que somos, a nosa participación nas eleccións alemáns, ós netos daquel negriño que un coñecido de Castelao trouxera de Cuba, a votar na illa caribeña cando as condicións o permitan, e a un descendente ventureiro dun vendedor de biblias do século XIX, que durmiu nun palleiro certa noite de inverno, a abrir desde unha aldea de Melide, o debate sobre si a institución da monarquía inglesa é obsoleta ou non. Os lectores desta tira xa sabedes que Xulio, ás veces, é un pouco esaxerado, ¿cal é o interese real dun paisano da Patagonia, por moi descendente que sexa daquelas levas de emigrantes galegos que Carlos III mandou desde A Coruña para repoboar a inhóspita rexión arxentina, cando se fala de se os pesqueiros galegos que faenan nas súas costas, deben desembarcar o peixe alí ou en Ribeira? ¿Apoiaría ese votante patagonés unha resolución do parlamento galego para que ese barco non comercialice as súa capturas na Arxentina?. -¿Non será ese un voto inimigo--pregunta Xulio- por ser contrario ós intereses dos galegos de residencia presente e paciente? E mentres ese señoriño que, seguramente non é capaz de sinalar onde queda Galiza, vote e decida o programa político que nos goberne, os pescos galegos que alí andan lanzando redes, e contribuíndo co seu traballo ó avance económico da súa patria, non poden votar. -Mágoa de democracia eivada. Xa hai un millón cen mil residentes ausentes, case novecentos mil máis que vinte anos atrás, que se botamos contas é case outra Galiza no exterior, pero o malo é que é unha Galiza allea ás necesidades dos residentes presentes. Mariñeiros embarcados Peor aínda é o poder que o voto lle dá a estes (eu non lle podo chamar emigrantes) votantes, e llo quita por igual ós mariñeiros embarcados e ós residentes no resto do Estado español, que son case catrocentos mil galegos que cada dous por tres collen o coche e veñen ver como van as cousas pola aldea. ¿E que dicir dun galego que viva detrás da raia con Asturias, León ou Zamora, que aínda que traballe en Galiza, non pode decidir quen goberna desde o pazo de Raxoi?. O señor conselleiro da Presidencia definiu, hai pouco menos dun ano, ós galegos como aqueles que pagan os seus impostos en Galiza, pero claro, ó pouco de tan rotunda declaración houbo unhas eleccións e o voto dos emigrantes ausentes converteuse nunha necesidade, polo que o señor concelleiro houbo de calar e non volver sobre o tema. Xulio, que é o das ideas, solta un consello: que o voto dos emigrantes ausentes só sirva para designar ó director xeral de relacións coa emigración. Pero claro, iso poderíalle quitar, como xa pasou nalgunha ocasión, un deputado ou dous ós partidos maioritarios.