LINGUA PROLETARIA | O |
19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.XA PASOU o día pero non rematou a romaría. O Día das Letras é un, pero na nosa man está o de estendelo ós 365 do ano. O malo é que, rematada a liturxia dos recitais, premios, xornadas, conferencias e primeiras páxinas en galego, ao día seguinte todo volve ser como antes e, de María Mariño, só fican unhas poucas biografías e un feixe de redaccións escolares. O Día das Letras non se distingue moito dun día das flores. E tras esta semana de actos e boas intencións para coa literatura máis que para co idioma, xa os académicos andan pensando quen vai ser o substituto de María Mariño, ata os grupos de presión, editoriais, seminarios universitarios, departamentos de filoloxía e literatura aplicada, concelleiros chauvinistas ou asociacións culturais, tratarán de mover ficha para que saia o seu candidato, mentres na mente de todos están nomes que claman ó ceo pedindo a peaña da santidade das nosas letras (candidatos nunca faltan), e por citar un que xa cumpriu os dez anos de finado e contra quen non hai nada malo que dicir, pregunto, ¿que pasa con Ricardo Carballo Calero?. ¿Quen o ten condenado ó ostracismo?. A mala memoria dos nosos académicos non lles deixa lembrar que foi o primeiro catedrático de galego que tivo a nosa universidade, o autor dunha historia da literatura que aínda consultamos hoxe, o científico autor dunha impagable aportación á fixación normativa do idioma, e, por suposto, o creador dunha ampla e interesante obra literaria. Un home que viviu por e para o idioma, ademais de para a literatura. ¿Que tacha ten a súa biografía para que non lle dean o día das letras?. Proposta de Monterroso Con el, máis que ás letras honraríamos ó idioma, pero, para que a cousa fose máis completa, recollo unha proposta que xa Xosé María Monterroso Devesa, desde a Agrupación Cultural O Facho, fixera en maio de 1980, a de que se amplíe o Día das Letras con outro en honor da fala, á fin e ó cabo, letras e fala son os piares dun idioma, e pouco pode facer un sen outro, pois ela foi a garante da súa vida e permanencia cando foi retirado dos papeis escritos, manténdoo vivo a través dos séculos escuros, por obra e graza da oralidade. Ela foi o seu amparo, manténdose viva e firme contra a lingua imposta, nun tempo en que falar galego era de verdadeiros revolucionarios e patriotas, cando este era un país ó que lle impoñían normas sen contar con el. Pedir un Día da Fala non é pedir máis festivos, é asentar ese outro esteo sobre o que se ergue o edificio do idioma Monterroso Devesa xa tiña buscada a data, precisamente a do 18 de maio, día no que, aló polo ano 1916, un grupo de intelectuais como os irmáns Vilar Ponte, Lugrís Freire ou Carré, no local da Real Academia Galega fundaron as Irmandades da Fala, co fin primordial de potenciar a nosa lingua, pois aquela xente sabía da importancia da palabra, e por iso impulsan o teatro en galego, encargan obras a Cabanillas, Lugrís ou Vilar Ponte, para que nos teatros das cidades e das vilas se escoitase falar galego tamén desde os estrados. E inciden no teatro porque era o cine que había daquela, porque saben que falando o idioma permanece, e cando se fala desde un estrado, a palabra cobra no subconsciente da xente máis significado e poderío. Só nos temos que imaxinar que pasaría se nas salas de cine comerciais de hoxe en día, vísemos a Mel Gibson, a Marylin Monroe, ou a Banderas falando só en galego. Agardemos a sorpresa que nos reservan os señores académicos.