O lume que non cesa

| MONCHO ARES |

BARBANZA

OS INCENDIOS do verán seguen activos, e ameazan con continuar durante moito tempo máis, incluso anos. Agora son os cazadores os afectados directos, como xa foron os comuneiros, os gandeiros e incluso os agricultores; e o están sendo os mariscadores. O custe real do lume nunca o saberemos. Aínda que chegáramos a facer un cálculo estimado, sempre sería incompleto, porque aos danos directos hai que sumar os indirectos, e estes son incalculables. Dubido moito que aqueles que ocasionaron a catástrofe saíran libres das súas repercusións, probablemente nin se pararon a pensar que incluso no aire que respiran están a pagar a súa fechoría. O aspecto arrasado que tiñan os montes afectados agrávase cando chove, porque a ferruxe brilla e as pingas de auga levantan cinzas, o que lle dá un aire fúnebre ambientado pola negrura que deixaron as lapas. E esta paisaxe durará moito tempo.