Pirateo de libros

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

16 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI UN par de anos, un compañeiro de traballo (sen parche no ollo nin pata de pau) pasoume un arquivo con cincocentos libros, toda unha biblioteca de obras clásicas e modernas en cederrón, das que só tiña que escoller cal quería ler, pulsar unha tecla e imprimilo ó instante no formato, letra e textura que quixese. Cincocentos libros nunha casa ocupan unha superficie considerable, e mercalos, aínda que só sexa a dez euros a unidade, son unha boa pasta, mentres que nun disco de sesenta céntimos só ocupa unha mínima parte de calquera estantería. Vén isto a conto porque as novas tecnoloxías, tan marabillosas para tantas cousas, son acusadas de acabar cos dereitos de autor e co negocio das produtoras e editoriais, sen embargo non se lle pode negar que, de momento, contribúen á difusión da obra, porque, como queira que sexa, en formato clásico ou informático, máis importante que ter unha grande colección de libros é ter unha ampla bagaxe de lecturas. Hai tamén un par de anos que empecei a ver, nalgunhas bibliotecas públicas e librerías, unhas caixas destinadas a deixar libros para intercambiar, ou ceder, de maneira anónima e gratuíta con outros lectores. Daquela pensei que era o refugallo das casas, pero agora resulta que, a través dunha páxina de Internet que se chama BookCrossing, o sistema está protocolado e permite liberar libros para que outros lectores gocen do que a nós nos gustou, posibilitando que unha obra poida pasar por miles de mans a través de todo o mundo sen gastar un patacón; e o que é máis importante, facilita o comentario desinteresado dos lectores. ¿Será isto un novo prototipo da grande biblioteca universal ou un novo intento para arruinar ás grandes editoriais?. O funcionamento do sistema, libre a todo internauta (sen necesidade de pata de pau nin parche no ollo), comeza despois de que liches un libro e desexas liberalo ou compartilo ou cruzalo con outros lectores. Daquela entras na páxina BookCrossing.es, indicas o libro e o autor, fas un pequeno comentario da obra e sinalas o lugar onde o vas deixar para que o recolla aquela persoa a quen lle interese. E aquí vén unha das partes máis románticas do sistema, pois o lugar onde deixalo debe ser un agocho a onde só ten acceso o interesado, unha especie de cova do tesouro do que só sabe quen entre na páxina. Feito isto, quen o recolle debe indicalo para saber en todo momento por onde anda o libro, que a estas alturas xa é un libro comunitario. Evidentemente, pode haber máis dun orixinal en circulación, e, se todos cumpren o requisito, calquera persoa lle pode seguir a pista a unha obra e saber en todo momento por onde anda para poder solicitala, tendo en conta que sempre pode haber aproveitados que rompan o circuíto para quedarse coas obras. As grandes editoriais deben estar botándose as mans á cabeza, porque como este sistema de intercambio se popularice, reduciranse as edicións, e unha edición reducida non é negocio, que nas listas de libros non se fala dos máis lidos, senón dos máis vendidos; e como neste mundo só contan os números traducidos a euros ou dólares, para o negocio do libro Internet espalla a cultura pero limita os beneficios dos vendedores de papel impreso.