E agora, liberdade

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

08 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

TIRA A TERRA, a casa e a familia; tira o entorno no que un vive, ó que se acostuma, onde se asenta, onde aprende a vivir e a convivir, a soñar e a estar libre de preocupacións. Ningún lugar é mellor que outro, todo depende do aprecio e da simbiose que exerce sobre cada quen; por iso, a historia de Eduardo Tegua, negándose a abandonar o cárcere, onde viviu durante máis de medio século, lémbrame esa unión co entorno que acaba por facerse único. Hai películas que tratan o tema do preso desarraigado negándose a abandonar a cadea, para quen o mundo de fóra das reixas é unha selva indómita, traendo á discusión a dúbida de se a cadea serve para rehabilitar ó detido ou para asustalo co mundo civilizado, que despois de non se sabe cantos programas de rehabilitación, aínda non encaixa na sociedade dos dereitos e das obrigas. Tegua saíu na prensa, porque non quere volver ó que o común da xente chama a liberdade, porque despois de case medio século vivindo entre reixas, séntese expulsado da súa casa, e ós seus 70 anos non sabe que facer no mundo de aí fóra. ¿A onde vai, un vello coma el cunha pensión de parado?. Ten cara de bonachón, e non acertamos a adiviñar que grave delicto puido cometer para pasar a vida na cadea, se todos sabemos que a pena máxima non sube de trinta anos, con descontos por estudiar, traballar ou facer aeróbic. A historia de Eduardo semella unha novela, cando conta que xa naceu no penal de Málaga, onde súa nai cumpría condena, cando confesa como entrou nun reformatorio por roubarlle un frasco de colonia a unha monxa no colexio onde estudiaba, e como volveu á cadea despois de cometer outros pequenos roubos que foron sumando anos e, segundo el, moitas veces culpándose en falso para ter un teito baixo o que encontrar a tranquilidade e a paz que lle faltaba nas rúas. Eduardo ten mans grosas pero inútiles para a sociedade, ten enrugas de soidade e medo ó asfalto, ás normas e á normalización que rexe de reixas para fóra, e protesta contra os xulgados que o xubilaron para condenalo a unha liberdade que non pode asumir.