Un rito de fertilidade

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

SANTIAGO DE Arriba, Vilauxe ou Nogueira, en Chantada, fican nun alto bancal, como un balcón sobre o Miño, onde as escolas, xa sen nenos, autoproclaman que estas aldeas son os primeiros castros da modernidade en proceso de abandono. Por entre elas, a estrada serpea como unha cadea da memoria nunha noite de pantasmas, que só recobran a vida unha vez ao ano, polo carnaval, alternándose entre elas para facer quórum e loitar contra a perda dunha das máis antigas e singulares tradicións do noso Entroido. O luns de carnaval, as Volantas de Chantada súmanse á celebración da entrada da primavera con rituais de fertilidade. É ese outro carnaval oposto ao don Carnal do Arcipreste de Hita e á esmorga antítese da Coáresma. As Volantas, vestidas con camisa branca, símbolo da pureza, e pantalóns de cores rechamantes, levan as chocas penduradas da cintura, como única voz que anuncia o seu paso. E cubrindo a cara erguen un pucho que eles suxeitan cunha pértega, formado con flores de papel ou tea, bonecos e doces, do que parten uns feixes de fitas de cor que se alongan ata os pés, e que o portador fai danzar cos seus xiros e saltos, como unha alusión á inminente explosión da natureza. Pregúntolle a un dos organizadores se só saen ese día e durante eses escasos minutos, e el cóntame que tamén saen o domingo despois da misa, para pasar polos campos. -¿Polos camiños da aldea? -Non, polos campos sementados, que se a Volanta non pisa os campos non nace o froito. E entón lembro que en certa ocasión, en Xinzo, alguén nos dixo, referíndose ás pantallas que estas non se disfrazan, senón que se visten; eu aínda diría máis, estes personaxes do noso entroido, invístense, porque son unha categoría case teolóxica dos antigos costumes e rituais da fertilidade.