LINGUA PROLETARIA | O |
05 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.EN CERTA ocasión, o Virulillas, dono da única pelota que rodaba polo recreo do grupo escolar, quixo facer un pacto cos chapóns de clase, Santi e Mino, que eran como uña e carne, compartindo arrevesados problemas de matemáticas e complicadas lecturas, ou paseando en bicicleta cando todos xogabamos ao fútbol ou lle declarábamos a guerra aos do barrio do lado, por unha falta digna de tarxeta vermella. E xa se sabe que cando non hai árbitro a mínima cambadela resólvese a pedradas. Don Vicente xa levaba uns días ameazando con castigos inimaxinables para quen non trouxese os deberes feitos, e mirando descaradamente para o Virulillas, ameazou con elevar unha acusación formal diante da superior e inapelable xustiza paterna, a fin de poñer orde na falta de compromiso co deber e o ben común que amosábamos, a ver si víñamos ao rego cando nos sancionasen sen sesión de cine dominical ou cunha reclusión de serán de sábado mentres as voces dos colegas abouxaban as rúas. O Virulillas, de mirada retorta, sabía que o seu balón non tiña valor se non era el quen o paseaba debaixo do brazo, e entón, véndose desposuído de certos privilexios, acercouse ao dúo dos chapóns facendo botar a pelota, mentres estes tomaban un descanso sobre as súas Orbeas, con cadanseu bocata de mortadela. -Se me deixades copiar podedes xogar todos os días. E os chapóns, que tiñan gustos raros, contestaron sen dubidar: -A nós non nos gusta o fútbol, que xa temos bicicleta. O Virulillas, marchou rabexado, gardando o rancor no fondo do peito, e o domingo, mentres recollía os cinco pesos da paga, dubidou entre gastalos en chicles e caramelos para subornar a Santi e Mino ou mercar 25 pesetas de chatolas para tirarllas debaixo das rodas cando aqueles saísen a pedalear. Tras longa meditación, decidiu deixar o ataque armado, que ao fin e ao cabo eles eran dous, desbotou o suborno, que se podía converter nun imposto de submisión, e, procurando ese pacto de comenencia que necesitaba, inclinouse por buscar aliados acusándoos de insolidarios e tramposos, por non compartir as súas habilidades, logros e beneficios co resto, e tratando de que chegase a oídos de don Vicente o rumor de que os deberes facíanllos os pais e eles eran uns aproveitados.