LINGUA PROLETARIA | O |
08 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O DOMINGO pasado, Maika ergueuse con olleiras e o frigorífico baleiro. No bolso só atopou o cambio da última copa, o xusto para un café e dous churros na barra do bar da esquina, con dereito a follear o periódico tratando de esquecer as súas tribulacións. Sen pretendelo, o espello devolvíalle unha realidade difícil de recoñecer, despois dunha noite dedicada a recibir os mimos, os galanos e os piropos das rúas da marcha, por onde circula en quinta e sen retrovisor; pero ela, que non se deixa vencer por unha decoloración baixo as pálpebras, cravou a vista na sección de ofertas de emprego e ficou diante dunha solicitude que requiría cultura xeral, facilidade para as relacións sociais e boa presencia, a cambio dunha paga con dietas e primas por obxectivos, alta na Seguridade Social, coche de empresa, móbil e ordenador portátil; os interesados só deben chamar a un teléfono de contacto dando como referencia Comercial . En fin, para ela isto é o que se chama un bo currelo. E Maika, que sabe nadar contra corrente, mentres petisca o segundo churro, vai analizando o seu currículo: o seu paso polo instituto ata ter un certificado que acreditaba a súa capacidade para recitar o nome das catro partes do estómago dos ruminantes, a facilidade para o trato que ninguén pon en dúbida, ou a innegable aptitude para atender calquera conversa desde o improvisado consultorio sentimental do húmido mostrador dunha cervexería... e de boa presencia, que xulgue o entrevistador. Foi recibida nun despacho enmoquetado por un cincuentón de gravata e sorriso de insolente que ela disimulou como de amabilidade, quen leu a carta curricular adornado con retrato de fotomatón, mentres lle preguntaba por aquelas empresas onde serviu licores e expendeu sorrisos, ata comprobar que Maika sabía aguantar un rollo, aínda que confundise a un poeta cun futbolista vido a menos, ou a un político de renome cun cantante de boleros. Pero, pensou o entrevistador, se todo un conselleiro de cultura chegou a pensar que esa tal Burana era unha cantante que tiña por nome de pía o de Carmiña, e se toda unha ministra pensou que Mago era o apelido dunha tal Sara, por que non vai servir para vender tóner e paquetes de papel unha rapaza que fai babear ó máis experto seductor, se ó final, ningún cliente lle vai falar de literatura nin de música senón, como moito, de custe por copia e descontos por pronto pago. Se para facer cartos nunca fixo falta pasar pola universidade.