DENDE FÓRA | O |
30 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SEGUNDO DÍN as malas línguas, parece que entre os concelleiros do goberno ribeirense hai certo mar de fondo, xa que á algúns non lles deixan mandar todo o que lles toca, mentres que outros mandan máis do que lles correspondería. Iso, que case sempre é a norma xeral en política, non fai máis que por de manifesto as eivas do noso sistema democrático, aínda que as eleccións municipais, dentro da imperfección da ley Dont, son as máis axustadas á vontade popular. Dicía, con razón Wiston Churchill que a democracia é o menos malo dos sistemas políticos. O problema está en que o propio sistema democrático pervírtese a si mesmo. Vexamos. ¿Canto mandan no Parlamento español Pepe Oreiro, ou no galego, Lage Tuñas ou Manuel Ruiz? Mandan o que lles mandan os que mandan e non o que lles mandan os votantes, porque, paradoxicamente, aqueles que foron elexidos democraticamente trucan as normas democráticas para manterse no poder. Poñamos por caso como rematou aquel loable tento das primarias no PSOE. Para entender isto, somentes temos que buscar no dereito comparado, a través dunha análise das constitucións e sistemas electorais dos países que asumimos coma democráticos, e decatarémonos de que, entre eles, hai máis diferencias que coincidencias. Non debe estrañar que a ONU acepte debater a proposta de ZP sobor do que chama alizanza de civilizacións que, semántica e implicitamente, supón recoñecer que os países budistas, islamistas, hinduistas e, mesmo, ateos, non poden ser democráticos. Calquera sabe que as grandes ou pequenas confrontacións entre pobos non xorden polas diferentes crenzas relixiosas, senón polas comenencias económicas. O máis axeitado sería chegar á un pacto civilizado no que o importante sexan as persoas.