DENDE FÓRA | O |
24 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.-SEN GRAVATA, o corpo desenfáixase e anda menos circunspecto -asegúrame Carducho. -Os gravateiros son xente estricta e sesuda, e os descamisados menos austeros e máis vitalistas -segue opinando. E logo cóntame que, hai máis de 20 anos, cando traballaba no banco, un xefe obsequiouno cunha gravata, e o consello explícito de que lle dese uso; e el, para lle agradecer o galano, soltoulle un pretensioso discursiño de compromiso explicándolle que tal complemento, segundo Desmond Morris, non é máis ca unha dexeneración do babeiro, que se puxo de moda na corte francesa no século XVIII, cando as clases nobres se querían distinguir da plebe demostrando que tiñan tan bo apetito e comida para satisfacelo, que xa non perdían o tempo en sacar o pano do pescozo. Un símbolo de distinción contra os que vivían das esmolas. -Paréceme máis a dexeneración dunha corda de atar. A gravata nunca foi prenda estimada por Carducho, e agora, máis de vinte anos despois daquel galano, sorpréndese co presidente do Xapón, quen, para evitar os gastos en aire acondicionado, aparece en plena canícula estival en mangas de camisa e co pescozo ó aire, desatado de formalismos tradicionais. -Nunca pensara ata que punto a gravata fomenta o consumo eléctrico -confésame coa súa gorra esmoleira estendida á porta dun supermercado. Filosofa de como a gravata vén de se converter, dun tempo a esta parte, nun elemento de dubidosa elegancia, incluso nos telediarios, e lémbrame o medo que os ben pensantes tiñan de ver descamisados nos escanos da Transición. E non ves agora ao Bush ese, que cando se quere facer o campechano, tamén aparece en mangas de camisa. E pensar que me chamaban progue trasnoitado por non querela.