Leva o xenio no sangue

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

17 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

XA NONAXENARIO, o señor Ramón, o Manco , sentado ao acubillo do pinche dunha casa, loitaba contra a desmemoria traendo ao presente os contos do pasado, como ensinanzas vitais que algún día recibiu e agora contaba a cotío a todo aquel que tivese a paciencia de escoitalo. Lembro, sobre todo, aquelas nas que figuraba don Pedro Madruga como protagonista, de quen dicía que adoitaba vir a unha taberna do porto a tomar os viños. «Don Pedro fondeaba aí por detrás da insa da Pirilla, e logo remaba, xa con noitiña, en solitario, outeando a babor e estribor, porque era moi desconfiado». Cando o señor Ramón contaba estas historias, os rapaces xuntabámonos ao seu carón e pasabamos as horas viaxando pola épica que el fantasiaba. «Don Pedro era forte e xeniúdo, pero tiña un defecto: éravos moi namoradizo». Algúns veciños dicían que o vello estaba un pouco lelo, pero eu penso que só loitaba contra os anos coa arma das lembranzas, a arma máis poderosa contra o paso do tempo, e cando se vía cercado de ollos atentos, adornaba as palabras con nome, apelidos e alcumes coñecidos para enganchar a aquel auditorio de rapaces que críamos tales aventuras, o mesmo que el as creu algún día. «A verdade é que don Pedro -contaba o señor Ramón- non viña para tomar os viños, viña pola taberneira: unha dos Lixeiros , que xa era lixeira daquela». Cando a mestura de picardía, historia, lenda e aventura tiña nomes con resonancias de proximidade, aumentaba o índice de audiencia, tal un programa de murmuración televisiva. O que máis nos gustaba era encontrar a raíz que el lle outorgaba aos alcumes da veciñanza. Pero un día, Manolo, o Lixeiro , acabado de chegar de navegar, colleuno polo peito e a punto estivo de tirar con el ao mar se non llo sacan das mans. Logo o señor Ramón dicía: «Este rapaz leva o xenio no sangue. Ten moito a quen tirar».