LINGUA PROLETARIA | O |
13 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O ESCRITOR libanés domiciliado en Francia Amin Maalouf explica no fermoso, completo e complexo libro As cruzadas vistas polos árabes , unha das posibles orixes dos asasinos suicidas que se volveron a poñer de moda. Conta que a mesma palabra asasino, ten a súa orixe no vocábulo árabe hashashin que para uns deriva de fumadores de haxix e para outros de seguidores de Hassan, un relixioso chií a quen lle tocou vivir en Persia (Irán) nun momento no que os gobernantes decidiron aproximarse á tendencia sunní, aló polo século once. Aqueles seguidores de Hassan rebélanse contra os que perseguen o chiísmo e escollen como forma de atentado a de agardar na saída das mesquitas ou doutros lugares públicos aos líderes relixiosos e políticos contrarios á súa tendencia; e meténdose no medio do cortexo ou grupo de seguidores do persoeiro público, chegaban ata el e acoitelábano. Este método levaba implícito que os acompañantes do asasinado collesen ao asasino e o linchasen, polo que o pobo, ante tan insensata maneira de actuar, concluía que non podían ser máis que fumadores de haxix os que tal cousa facían. Fumadores de haxix, integristas, intransixentes políticos ou persoas con moi pouca humanidade, a quen o seu líder, Hassan, lles aseguraba que asasinar a un adversario non era só cuestión de quitar de diante un estorbo, senón tamén o sacrificio heroico do adepto, co premio do paraíso. O caso é que a secta de Hassan chegou a derrocar reinos e califatos, e tamén que o tal Hassan nunca se viu na necesidade de procurar o paraíso pola vía rápida. Dicir que iso, que xa pasaba aló polo ano mil volve a estar de moda, só nos pode levar a pensar cantos pasos atrás dá o mundo por cada un que adianta.