O pecado de fumar

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

02 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NO MUSEO Naval de Madrid hai un letreiro que di: Se puede fumar. O guía explica que na sala reuníase don Juan de Borbón co consello do museo. Agora, fumar xa non só e antiestético, arcaico, inmoral, indecente, noxento e fonte de todas as enfermidades malas, habidas e por haber, tamén é antieconómico, algo que se fixo público cando se comprobou que o cultivo do tabaco só produce o un por cento do PIB e iso non lle doe á economía. O malo, o que se di coa lingua pequena, é que, segundo as estadísticas, morren un de cada catro fumadores en idade laboral. Claro que, morto un fumador, substitúese por un rapaz novo, con coñecementos de informática, inglés e menos soldo, e por aí a cousa pode mellorar a balanza de pagos, pero peor é que, antes de morrer, durante anos, o fumador é máis propenso a enfermidades respiratorias, coas consecuentes baixas laborais e visitas ós centros de saúde, e iso si que custa cartos. En resumo, que o número de fumadores dun país pode provocar un incremento en gastos sanitarios e levar ó país á ruína; algo que non dan aprendido estadistas da altura de Felipe González ou Mariano Rajoy, que non saben pasar sen o seu habano despois de xantar. E que dicir do exemplo deixado polos fumadores da conferencia de Yalta, de Compay Segundo, ou de Paco del Riego, ou de Santiago Carrillo... A pesar de tantos exemplos, ninguén pon en dúbida que o tabaco é malo, máis agora, cando unha nova advertencia con ideas machistas asegura que, os que fuman máis de vinte cigarros por día ven afectada a mobilidade do seme, e as mulleres dos fumadores xeran fillas en vez de fillos. Unha desgracia. Vou acender unha pipa para meditar sobre o asunto.