LINGUA PROLETARIA | O |
25 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.É ARREPIANTE e desconcertante comprobar ata onde chega a crueldade das mafias traficantes de persoas, cando son capaces de argallar un cebo humano cun grupo de ilotas da sociedade moderna, para darlle cobertura a outro grupo de desherdados que só tiña un par de dirhams máis con que pagar o seu billete de patera. Os novos traficantes de escravos non van á caza do indíxena con escopetas e lazos, agora só lle poñen diante un vídeo do marabilloso primeiro mundo, para atraelos como ferranchos oxidados a un imán de frías moléculas, regateando as pasaxes como se fosen os restos de peixe dunha patela sen xeo. E ante o éxito da campaña expeditiva, unha escolma económica desbota a aqueles que non teñen ese par de dirhams máis para subhastar o seu acceso ó mundo dos cacharros do lixo, ou a aqueles que non importan para os seus macabros intereses; e con tal refugallo forman un cebo de nenos, mulleres e desesperados, amoreados nunha lancha estartelada e condenados a un naufraxio seguro, para que as autoridades se ocupen en salvalos mentres o resto ten vía libre. A miseria humana redondéase con tal falta de escrúpulos, cando os traficantes de vidas alleas non dubidan en ofrecer na ara dos desventurados a un grupo de conxéneres co fin de lle dar uns minutos de ilusión aos outros. Uns minutos porque, ó final do Estreito, nas praias do mundo rico, xa hai outro grupo de policías agardando para devolvelos á miseria, onde a moitos xa nin lles queda unha cabana onde chorar a soas o seu fracaso como emigrantes; uns minutos porque logo, o traballo, se o atopan, raramente dignifica e a xustiza non recompensa o sacrificio.