A primeira comuñón

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

18 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

XULIO PREGUNTOULLE a Andrea onde vai celebrar a súa primeira comuñón e a nena respóndelle que no restaurante Sabory. Xulio quería saber se na parroquia dos avós paternos ou maternos, porque el, a pesar de ser ateo, ten moi claro que a primeira comuñón, como acto relixioso que é, celébrase nunha igrexa, e no restaurante só se festexa; por iso, cando chegou á reunión dos xoves, declarou que na relixión xa non cren nin os devotos. A resposta e a franqueza da cativa, exenta de dúbida, asegura o meu amigo, só é producto dunha aprendizaxe experimental que os pais, sen se decatar, lle inculcaron á nena: o primeiro é a festa e o segundo o acto que a motiva. Durante un ano de preparativos, o que menos lle preguntaron foi o catecismo. O mesmo párroco, para non perder seareiros con preguntas abocadas ao esquecemento, cubre o expediente sen máis exame que un par de oracións, habilitando á nena a cumprir co sacramento que, en teoría teolóxica, lle devolve a pureza que foi perdendo desde o día do bautizo ata agora. Ela, que non sabe nin ten por que saber que é pecado, na casa, só ten entendedeiras para oír falar de vestidos, lista de invitados e presuposto. A nena, que para iso é nena, asume a festa do Sabory como a razón principal do acto. Claro que isto non impide que a veciña de Xulio asine todas as enquisas que lle fan como católica practicante.