O timo do barateiro

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

07 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DESPOIS DO estreo de Mar Adentro , e tras loubar a boa impresión que me causou, non tardou en chamarme Afonso para dicirme que, pola metade do prezo que eu paguei por vela, el conseguiuna nun top manta con dereito a cea para dous. Non valeu de nada que lle protestase e dixese que a fotografía no cine non ten que ver co vídeo, por moita televisión que se teña; e menos que o recriminase por amparar a piratería, que é mala para a industria -pero boa para o peto, respondeume e fíxome calar-. Falto dun argumento contundente, limiteime a contarlle dos meus flirteos co barateiro en Turquía, de onde volvín cunha maleta extra, ateigada de camisetas e xerseis adornados cos símbolos das primeiras marcas, disposto a facer galanos marabillosos entre os familiares, que ó día seguinte andaban presumindo de Lacoste, co lagartiño como unha insignia á elegancia, con Adidas e Nikes que provocaban a envexa nos ximnasios. Pero ó cabo dunha semana, todos os galaneados por min, deixaron de sacar aquelas prendas da distinción social, a mirarme con sequidade e incluso a falarme con certa sorna. Souben a razón de tal desafecto cando descolguei unha daquelas camisetas do tendal, e notei que a parte exposta ó sol trocara a unha cor máis clara. A miña muller confesaríame que unha das prendas botáralle a perder un camisón branco de encaixe na lavadora, «aquel que tanto che gustaba», e que unha camisa azul mariño volvíase marrón ó tempo que o ferro da prancha circulaba por ela. O parladoiro dos venres pola noite converteuse aquel día nun relatorio de anécdotas sobre os timos das cousas baratas, como o Seiko electrónico que Xulio regateou no mercadiño da Pobra, porque era somerxible a 300 metros, segundo indicaba unha nota fosforescente impresa na esfera, e esa mesma tarde, pescando, quedoulle a pantalla en branco coa simple salpicadura da poutada. -Pero un DVD non é camiseta, nin reloxo. Un DVD grávao calquera rapaz na casa. -Certo. Que un cantante deixe de cobrar millonadas para que a música chegue a todos os petos non debería de doernos, pero unha cousa é que un rapaz teña acceso á súa música e outra moi distinta que unha colla de traficantes se faga rica á conta dos creadores -berra un. -E aquí ninguén lle está botando a culpa ó manteiro -intervén outro-, que seguramente é o primeiro estafado e explotado... A discusión de pros e contras camiñou por roteiros diverxentes; que se a piratería vén marcada pola competencia, a necesidade ou a picardía, se con ela gaña o social pero perde o económico -«di mellor o crematístico», apunta Afonso-, se converte en popular ó elitista -«eu diría populacheiro», apuntan desde a mesa do lado-. Todos aceptamos que os dereitos de autor deben respectarse, que o IVE debe pagarse, que as manifestacións artísticas deben ser accesibles, como a sanidade ou a educación, que quizabes o único modo de abaratar os cedés sexa a subvención... -Nin pensalo, ese é o primeiro paso para o clientelismo. Todas, en fin, eran palabras moi sensatas pero sen acordo. Estoutro día, despois de tanto tempo desde a estrea de Mar Adentro , falando da película entre varios amigos, Lucía, a muller de Afonso, confesoume que non vira a tan premiada película de Amenábar. -A razón é moi simple, desde a metade do DVD para diante só se ven borróns, e escóitase un ruído de taladradora. O malo -conclúe ela en defensa de Afonso- é que os manteiros non teñen os papeis en regra, e así non tes a quen lle reclamar.