LINGUA PROLETARIA | O |

26 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

COÑECÍN A Maika na barra dunha cervexería, unidos por un sorriso de amizade a primeira vista e separados polo pratiño do recibo de un euro con vinte que custaba a consumición. Ese día Xulio chegou tarde á cita do xoves, durante a que, ó largo de dúas horas e pico, poñemos a caldo á metade dos persoeiros do panorama literario, e a min deume tempo para aprender a liar unha historia contada con gargalladas e moita autosuficiencia. Unha historia de loita contra os fríos ventos do abandono, de sabedoría á hora de largar os lastres que che afunden e de procura dunha paz agarimosa nas moitas reviravoltas dun camiño sen árbores que che dean sombra. Durante a curta conversación souben que o seu diccionario era de peto, pero intuín un corazón de ourivería fina que me marabillou. Envolta no fume que se coaba no cono dunha lámpada, Maika, de beizos vermellos e ollos negros, era a portadora do abrazo que che envolve na nube en que habitan os anxos. Mentres a escoitaba, souben que lle era simpático porque me puxo por dúas veces unha ración de patacas de bolsa, e confirmoumo cando Xulio chegou propoñendo que sentásemos nunha mesa, e ela puxo cara de ciúmes. Días máis tarde volvín pasar pola barra da cervexería, e o lugar de Maika ocupábao unha paisana puntiaguda, que servía sen mirar ás caras, quen me informou de que a anterior inquilina daquel posto marchara a probar fortuna ás Canarias, na compaña dun mozo que traballa na construcción con contractos ata fin de obra: «que esa aquí só estaba para ver o que pescaba». Mentres bebía a curtos sorbos, a nova camareira, sen deixar de se mover pola barra, contoume que neste mesmo asento, hai uns días, sentou un rapaz morto de sede, coa paga semanal na carteira e uns billetes de douscentos euros querendo fuxir á procura dunha razón para esquecer a dor das costas e os calos que lle impedían pechar a man. -Ás Canarias, machiña, marcho ás Canarias que alí si que se gana. O rapaz, faloulle dun paraíso no que os cartos caen como area na praia, sen necesidade de romper o lombo, sen que a chuvia che persiga nin o frío mate o tento dos dedos; un paraíso onde as árbores son guindastres e a follaxe edificios en construcción. -Entre os dous, eu de escaiolista e ti de camareira, facémonos de ouro. Maika escoitaba, porque por primeira vez en moito tempo non era ela quen tiña que dar conversa para atraer a atención de ninguén, porque, por primeira vez na súa vida, propoñíanlle unha relación botando por diante un tratado de asociacionismo económico-sentimental, coas prendas tanxibles da billeteira oficiando de intermediarias. E cando despois de media ducia de cañas quixo pagar, Maika sacou o mandil, pediu a conta e invitouno a unha última ronda no seu piso de solteira. -Mira, aquí teño unha postal súa. Copiei mentalmente o enderezo, como se un repentino ataque de ciúmes me empuxase a pedirlle explicacións dunha suposta traizón, pero naquela letra clara, e sen acentos, fun lendo as razóns da súa procura, ata convertela nunha vulgar buscona de diñeiro a quen eu non tiña nada que lle ofrecer. -Ben, oxalá que teña sorte -dixen ó tempo que me ía. -A esa vaille ben en calquera lado -retrucoume unha voz chea de envexa.