Totalitarismo

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

18 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NO CONGRESO de Nuremberg de 1936, Hitler non tivo recato algún en dicir que, sendo a propaganda a que o levara ao poder, sería a propaganda a que o conservaría no poder e que, coa propaganda, conquistaría o mundo. Sendo eu un adolescente coñecín a un sabio octoxenario, o tío Manuel, que tiña por afección e costume escoitar os noticiarios radiofónicos pro réxime de RNE e os de Radio Andorra, afección que cariñosamente adoptei compartir con el moi a miudo. Despois tiñamos, entre ámbolos dous, debates políticos que tamén se trasladaban a profundas tertulias no rueiro, coa debida precaución que iso requería naqueles tempos do franquismo. Algo así como o que pasaba na pobrense farmacia de Tato con Valle-Inclán. Supoño que de aí é de onde arrincou o profundo respecto que os medios de comunicación sempre me suscitaron, xa que, de todos é sabido, que a tentación totalitaria forma parte intrínseca dos que acadan o poder, casos temos visto xa nesta bisbarra, sendo o control dos medios a máis poderosa arma que todos desexan. Por iso estou moi preocupado pola urxencia que manifesta Zapatero no tema da televisión dixital terrestre e outras reformas nesta materia. En certas cuestións que hoxe están no debate territorial, non sei se non serán máis de fiar os partidos nacionalistas que este PSOE.