Superman

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

15 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTOU CONVENCIDO de que para a humanidade, sería moito máis importante un debate entre Superman e o tetrapléxico de Xuño, que os que se están levando a cabo entre George Bush e Jonh Kerry. ¡É unha mágoa que os dous discapacitados, con posicionamentos ben distintos, non poidan debater, xa que, de seguro, sacaríanse conclusións sorprendentemente útiles! Teño o costume de achegarme, de cando en vez, á praia de As Furnas e, contemplando o bater das ondas contra as rochas, reflexionar, ascéticamente, sobor das eivas das persoas físicas, psíquicas e sensoriais. Unha deformación profesional, claro é. Póñome fronte a onde Sampedro pasou de ser un sinxelo mariñeiro a acadar fama universal, xa que, coa súa teima, pode que un espabilado cineasta quizáis acade algún oscar en Hollywood, aínda que, baixo o meu prisma, Amenábar non foi quen de superar a Dalton Trumbo que, en 1971, dirixíu un abraiante filme do mesmo contido, Johnny got his gun, a pesares de que o español contaba con mellor materia prima. Unha reflexión serea, filosófica, espida de calquer convicción relixiosa, tentando ser aséptico, ségueme a confirmar que a sociedade está cega, muda e xorda. Por paradóxico que poida parecer, hai unha coincidencia plena entre as ideas que Reeve e Sampedro defenderon. Que a libertade e a dignidade son os valores máis intensos das persoas, con ou sin eivas.