«Gostaríame poder vivir na miña casa ata o último día»

Antía Urgorri Serantes
Antía Urgorri RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

Entrevista | José Pérez Sánchez Para este ribeirense, manterse activo as 24 horas é o mellor consello que se lle pode dar a un maior que afronte a vida só, e opina que as residencias quitan liberdade

15 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

José Pérez Sánchez, ribeirense de 74 anos, non lle ten medo á soedade, pois asegura que a elixiu el mesmo. Leva as rendas da súa casa sen necesidade de axuda algunha, e desexa seguir sendo autosuficiente os anos que lle queden de vida. Aínda que o corazón pegoulle un pequeno susto no 2002, non está disposto a renunciar á súa liberdade. Sabe coidarse moi ben só, «teño que tomar doce pastillas cada día e non me esquezo de ningunha», comenta. -¿Canto tempo leva sendo o único habitante da súa casa? -Fai seis anos, cando morreu meu pai. Pero todos os veráns recibo a visita do meu irmán e da súa muller, que viven na Arxentina e que pasan aquí tres meses. Eles dinme que vaia para alí, pero a mín non me gostan as capitais. -¿Como leva a soedade? -Síntome ben. Aínda que tiven bastantes enfermidades, desenvólvome con facilidade, limpo a casa, cociño e levo as contas. As que me dan pena son esas persoas que casaron, tiveron fillos e agora están soas. Eu decidín non formar unha familia, polo que sabía que algún día ía quedar sen compaña. Tiña moi claro que o meu pai tarde ou cedo ía morrer. Pero nunca me deu medo a soedade, non son un maior moi chorón. -¿Benefíciase dalgún programa de axuda á terceira idade? -Non, aínda que me parecen moi necesarios. O que vexo mal son as residencias, porque che quitan a liberdade. O mellor que pode facer unha persoa maior é estar en activo. Meu pai tiña 96 anos e facía de todo, ía ao clube de xubilados, paseaba... Eu intento facer o mesmo, por iso vou a todas as excursións que organizan. -¿Plantéxase ir a un centro de maiores? -Non. Gostaríame vivir na miña casa ata o último día. Penso que é o que todo ancián desexaría. Cando non poida valerme por mín mesmo, xa me plantexarei o demandar algunha axuda. -¿Non lle preocupa que poida volver a ter outro susto coa saúde? -O mellor é esquecer un pouco, se estás todo o día pendente do que che pode pasar acabas obsesionado. A outra vez, cando me deu o infarto, esperteime no hospital e non recordaba nada, pero ao parecer me deu tempo a pedir axuda. -¿Como espera pasar os próximos anos? -Tan ben como estou, penso que para os meus anos non me poido queixar.