O palco da música

VEIRAS MANTEIGA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

22 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO FAN MOITOS dos meus paisanos, tamén me dá ás veces por dar unha volta pola vila e ir ata a alameda. Entre as baldosas arrincadas, as faroliñas cos cristais rachados polas pedradas, as pedras arrincadas dos muros, a porqueira no aire de xogos para os cativos, hai unha plaquiña enzoufada de pintura. ¿Sabedes onde se atopa? Pois, nun dos monumentos da nosa vila: o quiosco ou palco da música. Alí onde sendo eu pequeno tocaban as orquestras e nos animaban a pedirlle un baile ás mozas. Digo baile porque de ligar, nadiña de nada. Ese monumento, ao que non hai moitos anos que se lle restaurou o tellado, atópase nun abandono que non merece. Unha cadea impide o acceso. Coido que será para que os nenos non caian no chan de madeira, cheo de ocos, ou para que a algún borracho non lle dea por facer o imbécil con saltos de altura. Iso é o de menos. O malo é que a cuberta está nun abandono total. A madeira podre, o ferro fundido sen pintar... Moita placa de bronce ao seu carón, cando, se cadra, con eses cartos podíase arranxar o teito. Pero que lle imos facer. Alguén xa dixo que moitas veces as aparenzas enganan.