«'Muros mira ao mar' é un proxecto multidisciplinar»

S. Lamas CORRESPONSAL | MUROS

BARBANZA

Entrevista | Xoán Manuel Bazarra Agulla O primeiro tenente de alcalde muradano desvela algúns contidos dun programa que están a preparar para recuperar e amosar a cultura mariñeira que distingue ó municipio

25 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O municipio de Muros, en especial a súa vila, tivo de sempre unha profunda vinculación co mar. É obrigado recuperar o gusto polos temas marítimos pois o futuro destas terras segue vencellado a eles, xa sexa en tarefas extractivas, de manufacturas, de acuicultura ou turismo, según afirma o primeiro tenente de alcalde, Xoán Manuel Bazarra Agulla. -No aspecto empresarial, non é doada a intervención institucional, máis alá do que supoña poñer en valor unha dignísima actividade coma a da pesca e o marisqueo. Pero hai outra chea de actividades que podemos levar a cabo, e que pretendemos facelo dentro de Muros mira ao mar . -¿En que se basa esa proposta e cando pensan poñela en práctica? - Muros mira ao mar é un proxecto multidisciplinar e polivalente que pretende recuperar, en todas as facetas, a memoria mariñeira. Ó mesmo, tempo analizaranse as causas da situación actual e estudiaránse accións de futuro para a recuperación e dinamización das actividades mariñeiras. Esto nace cunha visión de continuidade, e unhas datas de inicio previstas para a segunda semán de xulio. -¿Farase entón unha celebración de carácter festivo? -Non é esa presisamente a nosa intención. Pensamos nun modelo de festa non esgotado, que sirva de referente a nivel de país. A nosa vila aínda conserva unha fidedigna filiación das actividades mariñeiras e pretendemos revivir ese eco convertendo á poboación nun escenario de época a través dunha chea de acontecimentos de carácter etnográfico. Tamén se intercalarán actividades lúdicas e recreativas, na procura da participación dos nosos veciños, e que sirva tamén de reclamo para aqueles que nos visiten. -¿Contan con axudas externas para levar a cabo todas esas accións? -Xa temos confirmada a participación de entidades como o Consello da Cultura Galega, o Grupo Interdisciplinar de Recursos Mariños e Pesqueiros da Universidade da Coruña, e a Federación Galega de Asociacións para a Recuperación de Embarcacións Tradicionais. Tamén buscamos apoio de todas as entidades e asociacións locais, especialmente da Confraría de Pescadores de Muros. -¿Qué tipo de actividades se pretenden levar a cabo dentro dese proxecto? -Dividímolas en tres aspectos: as técnico-científicas, as etnográficas e as meramente lúdicas e recreativas.