O burro de Castelao

J. R. CABEZA

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

09 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

É ALARMANTE a sinistralidade nas nosas estradas, coa carga de lesións, mortes, dramas, custes sociais e demais mágoas que supón. Nese contexto hai que situar a introducción lexislativa de que os axentes da autoridade teñan facultades de intervención inmediata do noso permiso de conducir, no caso de amosar síntomas de non estar en condicións de seguir ó volante, cousa, por outra banda, de discutible legalidade. Parafraseando ó xenial Castelao «A lei está contra nós e nós non somos malos. ¿Que facemos, Xan?», poden darse casos de arbitrariedade (non quero pensar eu que intencionadamente, tendo en conta o bo concepto que, en xeral, sempre tiven destes funcionarios) na súa aplicación práctica, polo que coido que á tal medida se lle engadirán algunhas garantías que non figuran no texto da disposición. Dende logo que a iniciativa vai dar que falar. En todo caso, como ben se sabe, «lex dura, sed lex» (a lei é dura, pero é lei), polo que se vostede sospeita que algún uniformado non lle quere ben e que, polo tanto, o pode agardar na saída dalgún karaoke ou dun convite de voda, onde sempre un sae algo quente, bote man do noso ilustre rianxeiro cando, sabiamente, sentencia: «Sendo borracho vale máis ter un burro que un automóvil». De seguro que foi no que se basearon os inventores do «Se bebes, non conduzas».