Entrevista | Ramón Quintáns Vila Aínda que asistirá a algún acto como rexedor sonense, Ramón Quintáns vivirá os días de festexos como un veciño máis, «en familia, cos amigos e coa xente que me aprecia»
06 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Confésase como un veciño moi fiel ás festas. E así o demostra Ramón Quintáns cada vez que se levanta o telón dos festexos de Porto do Son. Con ganas de pasalo ben, e sobre todo de que os veciños desfruten o máximo posible, o rexedor local afronta os cinco intensos días de celebracións que hoxe comezan na vila. -¿Como ten pensado vivir estes días de festexos? -Pois máis ou menos como tódolos anos, acudindo ás distintas actuacións e actividades como un veciño máis. Tamén estarei presente na procesión marítima na honra da virxe do Carme, que terá lugar mañá. Aínda que neste caso acudirei dun xeito institucional, como alcalde da localidade. É algo que xa veño facendo nos últimos anos. -¿Que lle parece o programa das festas do 2003? -Creo que é moi parecido ó de anos anteriores, a pesares de que a comisión de festas contou con moi pouco tempo para organizalas. -¿Cal é o día de celebracións no que máis disfruta? -Sen dúbida, na xornada adicada á virxe de Loreto. Ese día acudimos a familia á romería popular, comemos cos amigos na sardiñada e estamos falando ata altas horas da madrugada. -¿Hai algo que bote de menos nestas festas? -Non, a verdade é que son unha persoa de gustos moi sinxelos. Pero recoñezo que á xuventude gostaríalle algunha atracción musical de renome. O problema é que o presuposto é moi axustado, e faise difícil traer a estes artistas. -¿Cre que os veciños aproveitan esta festividade para reunirse? -Si, os sonenses pasamos estas festas en familia e cos amigos, coa xente que che aprecia. Son días de despreocupación e descanso, aínda que tamén de esgotamento continuo para os máis novos. -¿Vólcanse os sonenses nos festexos? -Eu creo que si, pero sobre todo a xente que é de aquí pero que se atopa fóra. En países latinoamericanos, como Arxentina ou Uruguay, os nosos veciños emigrados reúnense nos locais da asociación de Porto do Son e fan un xantar todos xuntos. E os que teñen a oportunidade de desfrutalas aquí, retrasan a súa volta de vacacións para poder vivir os cinco días da festividade. -¿Nótase o ambiente festivo na localidade sonense? -A verdade é que uns días máis que outros. Ó ser moitas xornadas de festa, é normal que a xente saia máis as fins de semana. Cando hai que traballar ó día seguinte, nótase que os veciños marchan antes para a casa. Tamén hai que ter en conta que a festividade celébrase en datas de finais de verán. -¿Que lle parece que se recuperen as tradicións de antano? -Penso que está moi ben. Recuperar tradicións e manternos fieis a elas ó longo do tempo sérvenos para ter vivas as nosas raigames. Desta maneira estamos transmitindo a nosa cultura ás seguintes xeracións. -¿Cre que é verdade que as festas perderon personalidade e son todas iguais? -Pode que haxa algo de certo. Téndese a imitar modelos e estase a perder a colaboración e a participación que si existía antano. A verdade é que cos tempos que corren custa moito ter un programa de festas propio e sen influencias externas.