A profesora e autora de estudios sobre o bardo de Taramancos Pilar Sampedro dou onte unha conferencia no Instituto Campo de San Alberto de Noia para os alumnos de terceiro e cuarto da ESO. Nesta charla, a especialista profundizou nunha etapa da vida de Avilés, a que abrangue desde o ano 1961 ata o 1980, período que se corresponde coas súas vivencias en Bogotá e Cali. A oradora lembrou un consello que lle dou o escritor no 1984, cando ela se dispuña a partir rumbo a Colombia para traballar alí. «O que me dixo foi que non intentara entender, simplemente que vivira, porque moitas das cousas que pasan alí son surrealistas», rememorou Sampedro. Sobre a estancia do poeta nese país, Pilar Sampedro sostivo que o autor tomou a decisión de querer a Colombia e de integrarse nela con tódalas súas consecuencias. Tamén rescatou, para delicia dos alumnos, algunhas anécdotas curiosas, como a do embaixador guatemalteco Manuel José Arce Valladares, ó que Avilés de Taramancos lle ensinou a falar o idioma galego, unha aprendizaxe que lle valeu para publicar, posteriormente, un poemario na editorial Galaxia.