O seu compromiso é traballar a reo por restablecer as relacións veciñais e o diálogo
08 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A súa irrupción no primeiro plano da política chegou en xullo pasado, cando foi elixido presidente do PP noiés e asumiu con éxito o labor de reunificar as diferentes ópticas. Agora, Antonio Pérez tenta aprobar un exame máis difícil, acceder á alcaldía. -Foi unha etapa nefasta. Mentres outros concellos medraban gracias á excelente xestión dos seus alcaldes, nós fómonos alonxando, chegando mesmo a un absoluto deterioro do patrimonio logrado no goberno do PP. Non se cumpriu ningún obxectivo dos que o PSOE levaba no programa e o que máis pena me dá deste goberno é a insensibilidade que tivo co pobo. Non houbo diálogo cos cidadáns. -¿Cales son os piares do seu proxecto de goberno? -Promoveremos o desenvolvemento empresarial e económico da vila. Conseguirémolo a través da autovía a Santiago, o saneamento da ría e a formación de empresas vencelladas ó marisqueo. Isto traerá consigo a xeración de empregos. -¿Máis iniciativas? -Apostamos por desenvolver un plan de urbanismo que reactive a construcción e o crecemento poboacional. Outra das asignaturas pendentes que imos solventar é a da instalación dun aparcadoiro. Volcarémonos na implantación do centro comercial aberto no casco vello, pero, sobre todo, en restaurar o diálogo e as relacións cos veciños. -¿Cales son as previsións de voto que ten? -Estamos convencidos de que imos sacar maioría absoluta. Os veciños saben que o mandato do PP foi o de máis desenvolvemento. -¿Cal é a súa postura sobre a posibilidade dun pacto? -A solución dos problemas de Noia pasa por acadar unha maioría absoluta para o PP, o que suporía unha extraordinaria relación coas institucións, un rápido desenvolvemento e a recuperación do estatus que merecemos. Cos pactos, o pobo sae perxudicado. De tódolos xeitos, non rexeitamos ningunha opción.