«Os nacionalistas somos o único referente progresista»

J. M. Sande CORRESPONSAL | MAZARICOS

BARBANZA

O cabeza de lista do BNG muradán apostou pola renovación á hora de elixir o equipo de persoas coas que tentará obter o máximo numero de concelleiros nas eleccións de maio.

28 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

No BNG de Muros fixéronse importantes cambios. Así, ademais dun candidato a alcalde, Xoán Manuel Bazarra Agulla, con ampla militancia no eido nacionalista, aínda que con escasa experiencia a nivel municipal, proponse unha lista composta por persoas que non participaron antes nuns comicios. -Á hora de confeccionar a nosa candidatura tívose en conta a capacidade dos candidatos para levar adiante unha xestión municipal eficaz, que permita acadar o progreso económico do municipio. Tamén quixemos que fose reflexo da sociedade muradana, tanto na súa distribución parroquial, sectorial como por sexos. Por iso non se dubidou en incorporar xente independiente. -¿Con que prespectivas afronta o BNG as vindeiras eleccións? -Os nacionalistas somos o único referente progresista da cidadanía de Muros, o que incentiva a nosa responsabilidade, toda vez que as outras opcións representan á dereita tradicional, agora fragmentada polas ambicións persoais dalgúns. O PSOE que, ademais de ter pactado co PP, volve a anunciar a súa disposición para facelo de novo. Iso demostra que asumiu os peores modos de goberno desa formación, como son o clientelismo, a prepotencia e o autoritarismo. -¿Cal é entón a opción que propón vostede para artellar un goberno progresista no término de Muros? -Nós aspiramos a acadar o apoio suficiente para converternos na opción máis votada, pois consideramos que ninguén coma o BNG está en disposición de ofertar un goberno local que garanta o progreso para Muros. Comprometémonos a apoiar tódalas iniciativas empresariais para lograr o despegue económico e impedir que a xente teña que marchar. Tamén faremos o necesario para potenciar as políticas que incidan no benestar social, pensando en especial na xuventude, na terceira idade e na muller.