Cousas de perruquería

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

08 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ONTE FUN á perruquería, que xa tiña falta. E dirán vostedes «a min que me importa», e o certo é que teñen razón. Pero contolles esto, non polo singular do feito, senón pola charla que me deu a moza de vinte aniños que me adoita cortar o pelo. Preguntaballe eu qué lle parecía a precampaña electoral e se xa tiña decidido o seu voto. Xa ven o orixinal que son eu nas miñas preguntas. Daba algo por que poideran ver a cara de asombro que puxo e a indiferencia con que me espetou: «¿Logo xa hai que votar?» Como llo conto. E o máis grave é que, coma ela, moitos mozos descoñecen que nun mes vanse escoller as persoas que xestionarán os vindeiros catro anos o concello onde viven. A verdade é que os políticos que gobernaron en Mazaricos ata o momento nunca contaron moito coa xente xoven, pero non é menos certo que ós mozos nos importa bastante pouco a política e, sobre todo, os políticos. Ás veces mesmo semella que todo en xeral nos importa bastante pouco.O PSOE foi o primeiro en presentar lista. Catro persoas de menos de trinta anos. Un aplauso para eles. ¿Estarán cambiando as cousas? Ogallá que si. Por certo, a miña perruqueira corta o pelo de marabilla