Veciños e forasteiros asistirán á quinta edición da Festa do Bolo do Pote A exposición poderase contemplar ata o 30 de abril na casa consistorial
25 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.? O carnaval chega este ano a terras mazaricanas máis cedo que nunca. Mañá inaugúrase no salón de plenos da casa consistorial unha mostra titulada O entroido tradicional de Mazaricos . Os visitantes poderán facerse unha idea de cómo era a festa hai anos, cómo foi cambiando e qué peso específico conserva na actualidade entre os veciños do municipio. Este repaso histórico polo pasado da festa pagana farase mediante a exhibición de fotografías e carteis explicativos. Co fin de que ninguén se quede sin contemplala e de que a estela do entroido perdure, a exposición poderá verse ata o día 30 de abril. Polo que respecta ós actos propiamente ditos, comezarán o domingo cun festival de disfraces no ximnasio do centro educativo de A Picota. Haberá música en riguroso directo, paiasos, xogos de todo tipo e agasallos para os cativos que asistan a este espectáculo co seu correspondente traxe.Entre os mellores disfraces, por aquilo de incentivar ó persoal, repartiranse 1.200 euros en premios. Haberá diferentes categorías: parellas, individual e comparsas. Éstas deberán estar integradas por catro membros como mínimo. Exaltación gastronómica A festa, por moito que algúns se opoñan firmemente, rematará o día 9. Será unha xornada de cuchipanda, non en valde terá lugar a quinta edición da Festa do Bolo do Pote. Neste acontecemento gastronómico degústase un prato que no seu día foi primordial na dieta dos mazaricanos. Hai que dicir que eran outros tempos que agora se lembran coma un elemento do pasado non lonxano. Os bolos do pote acompáñanse do suculento cocido e de postres propios destas datas, como as orellas ou as filloas. Nalgunhas casas xa hai semanas que os membros da familia andan a chuparse os dedos con calquera destas delicias de ovo e fariña. Nesta ocasión colaboran sete establecementos hostalerios da localidade que artellaron menús nos que non faltan bolos, cocido, pan, viño e café. Todas estas viandas poderanse degustar por nove euros.Para animar á xente a desplazarse ata a localidade mazaricana, na xornada haberá un pasarrúas que non deixará de interpretar temas galegos. Por se iso non fose dabondo, haberá degustacións gratuítas de productos típicos destas datas no campo da feira.Dende logo, Mazaricos é outro dos pobos da área barbanzana no que non se escatiman esforzos para que as datas do entroido resulten do máis divertidas e para que todo o mundo atope un intre no que poder pasalo en grande.