POLVO ERES

La Voz

BARBANZA

ALICIA FERNÁNDEZ O CONFESIONARIO

31 oct 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Día 1 de novembro de 1970. Nove da noite. No camposanto unha xarada de rapaces corre polo medio das bombillas que hai colocadas nas lápidas. É a noite de defuntos e por aquelo das creenzas, do meigallo ou de non vaia a ser tódolos habitantes da aldea, lavaron de xeonllos as pedras que durante o ano pisan, mondaron as herbas do arredor, trouxeron flores e contrataron as bombillas que coloca unha empresa do pobo. Os máis humildes poñen unha, ou tan só a vela. Os que teñen posibles axustan cruces de madeira que suxetan seis e oito luminarias. Por cinco pesos a unidade non deixe que o seu fidelis deffunctus sexa menos que o veciño. Hai moitas persoas maiores que visten a xogo ca noite, casi todas mulleres, que miran para as sepulturas tentando ver máis aló. Rezan, reflexionan... Ó mellor estan-lle contando ó finado as derradeiras novidades: a nena xa dou a luz ou o rapaz está en Ferrol. Non hai noite de defuntos sen que un dos rapaces leve arrastro as bombillas. Para eles é noite de xogos, come-las castañas que polo serán rapiñaran e os de certa idade estrearse no Celtas sen filtro. Lume na praia e contos de medo. Despois, o voltar para a casa, nese lugar de esotéricas connotacións que hai en tódalas aldeas, unha carreira na que falla o aire e o corazón desbócase. Co trance pasado, pese a estar só, a vergoña polo medo sen razón. Pero hoxe a maioría dos que van alá están en panteóns, edificios nacidos ca revalorización dos terreos do camposanto. Cada ano hai menos que teñan casa, prácticamente os vellos e os ricos, o resto vai para as colmeas donde xa non hai que fregar. ¿E as flores? Nestes días mesmo se pode decir que deixan defunto a un. Eso sí, as floristerías din que non é culpa delas, os dos invenadoiros que non se lle gaña un can e nós pagamos coa faciana a cadros. Tapetes e panos, figuras, cerámicas e diferentes tipos de vasillas. Luceiros das máis variadas formas, ornamentacións plásticas e outros obxectos de decoración para un día especial. Os sentimentos teñen prezo. O ser humán, dominador do universo, xa demostrara que é quen de converti-las tradicións como o respeto ós pais ou o Nadal en asuntos puramente económicos, cando menos manexados polos que moven os fíos monetarios -liberalismo en estado puro-. Pero que poida acontece-lo mesmo cos finados non ten perdón. Exteriorizamos unha trivialidade que no interior volve medo, segundo as enquisas que destes días. Queremos amansa-lo derradeiro punto do descoñecemento, do terror e da expresión feble da nosa condición. Unha visita de minutos para xustifica-la omisión anual. Pensándoo mellor eu volverei ás castañas, non ás carreiras pero si ós paseos, e negareime a ser cómplice dunha montaxe relixioso-comercial. Os meus finados, os que mereceron a pena, camiñan conmigo tódolos días, cas súas ensinanzas, feitos e desfeitos. Para os outros non teño lugar, nin tempo. Os camposantos sen rapaces xogando nin vellas berrando, non teñen senso nestes días. Para falar de Eva Sannum ou Gescartera quedo mellor no fogar ó carón do lume.