Loas do mexillón e do berberecho

Benito Leiro, Cronista oficial de Vilanova VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

MARTINA MISER

Confiemos e sintamos orgullo de vós, homes e mulleres do Val do Salnés, do Mar de Arousa

12 ago 2023 . Actualizado a las 22:16 h.

Vilanova afánase en celebrar unha festa entrañable que leva preto de 30 anos enxalzando as excelencias gastronómicas do mexillón e do berberecho. Trátase de dous moluscos exquisitos da nosa fértil ría de Arousa que non teñen nada que envexar aos suculentos manxares das cociñas máis selectas do mundo. Si durante o século XX a salgadura e a conserva foron os sectores primarios que tiraron do carro da delicada economía arousana, hoxe en día cómpre admirar o traballo das mariscadoras, dos mariscadores a flote, dos bateeiros, homes e mulleres que traballan todo o ano con fortaleza para sacar adiante as súas familias e para impulsar unha industria que se ten convertido nos últimos tempos nunha das fundamentais para o desenrolo económico de Galicia.

Hai que botar unha ollada moitos anos atrás para recordar cando o mexillón e o berberecho eran tratados con certo menosprezo, tal vez pola súa abundancia, como unha especie de marisco para pobres.

Daquela case ninguén se ocupaba de eloxiar o seu característico sabor a mar. Sen embargo, hoxe en día ningún comensal, por esixente que pareza, se atreve a desprezar uns carnosos mexillóns da ría con cachelos ou unha “caldeirada” de berberechos ó vapor, sen esquecer outras delicatessen culinarias.

Os que teñades máis de 40 anos, seguramente lembraredes como, a primeiros do mes de outubro, ao levantarse a veda, a ría enchíase de gamelas cos homes tirando do rastro, de mulleres armadas de sachos e de nenos que, coas súas fráxiles mans ían enchendo as cacharretas de berberechos e ameixas. Este evento popular dun marisqueo anárquico repetíase cada outono naqueles viveiros areosos do Esteiro, O Ariño, As Patiñas, O Terrón ou As Sinas. ¡Canto cambiou aquela situación nos últimos anos! Se nas décadas dos 60 e 70, e ata na dos 80, capturar unha caldeirada servía para gañar unhas pesetas e contribuír á economía familiar, hoxe, co esforzo e organización exemplares, tense transformado nunha profesión da que viven miles de familias nas Rías de Galicia. Resulta obrigado felicitar ás mariscadoras, mariscadores e mexilloeiros de Vilanova, que entenderon a importancia de organizarse para instalar as bateas, para coidar as praias, para sementar a cría e recoller os froitos con moita entrega e paciencia. Claro que aínda hoxe se viven momentos delicados pola actuación dos furtivos, pero debemos confiar en que as institucións seguirán protexendo os intereses dun sector transcendental, non só para Vilanova e as súas parroquias, senón para a prosperidade de Galicia enteira.

Non son experto en bateas, nin moito menos, pero si que podo presumir de ter bos amigos neste sector. Hai máis de 70 anos, uns cantos soñadores comezaron a deseñar artefactos flotantes para cultivar mexillón na ría. Un daqueles pioneiros foi Benito Oubiña, lembrado e premiado co mexillón de ouro, o cal colocou a súa batea na década dos 1950 e nunca deixou de producir o molusco. Moitos pensaron que aqueles inventores andaban «mal da cabeza», sen decatarse de que estaban sentando as bases dun sector industrial que hoxe produce unhas 250.000 toneladas por ano, facendo de Galicia o segundo produtor mundial de mexillón, pese a enorme competencia que existe nos mercados internacionais.

A batea converteuse nun símbolo de identidade das rías, con máis de 2.200 viveiros flotantes, só na de Arousa, que constitúen unha das industrias máis dinámicas e prósperas de Galicia. Para manter esta situación privilexiada fai falta seguir contando co traballo dun sector dinamizado e co apoio da Administración, porque hai outras potencias mundiais que ameazan os mercados tradicionais e os adquiridos ó longo do tempo.

Para que Galicia se manteña como a grande potencia na produción de marisco contamos sobre todo coa incomparable calidade do produto. Pero o máis relevante, nesta ou noutra actividade calquera, é o factor humano. Confiemos nese factor e sintamos orgullo de vós, homes e mulleres do Val do Salnés, do Mar de Arousa, porque co voso esforzo non só creades postos de traballo, senón que mellorades o prestixio dos nosos prezados mariscos.