Terbutalina será un dos grupos estelares do festival Rockin? Vila que hoxe e mañá se celebra en Vilanova de Arousa
09 ago 2018 . Actualizado a las 23:31 h.Son o grupo galego do momento. O seu novo disco, Sonido esteiro, e a súa xira despexaron todas as posibles incógnitas que podían xurdir tralo cambio de formación. Máis apabullantes e frenéticos que nunca. O mesmo lles da un formato grande como o do Son do Camiño que un pequeno como o do Rockin’ Vila. A entrega é sempre aboluta.
-Hai burbulla de festivais?
-Non sei se chamalo así. Si que se nota que agora ata no pobo máis pequeno hai un festival. Pero habería que diferenciar entre aqueles organizados por unha asociación cultural e os que teñen detrás a unha superprodutora. A miña opinión é que habería que apostar pola base. Se non haberá moitos festivais pequenos que non poidan sobrevivir.
-Como foi a experiencia de tocar no Son do Camiño?
-Bueno, ben... Pero se a xente está a full da igual o Monte do Gozo que Muros.
-Que cambiou en Terbutalina con esta nova formación?
-O espírito segue sendo o mesmo pero ensaiamos máis, temos todo máis pulido e musicalmente abrímonos bastante. E na furgoneta collemos moito mellor catro que cinco.
-Por aí fóra están flipando co que está pasando na música en Galicia. Como se vive iso dende dentro?
-Nós xa nos sentimos como a new wave. Unha nova onda que reempraza aos Deluxe, Xoel, Triángulo, Novedades e todos aqueles grupos que o petaron hai anos. É certo que fóra hai envexa. É unha pena que tendo todo iso ninguén puxera un pouco de orde e colocara a Galicia no mapa cunha industria musical potente e real. Porque iso si que non existe.
-Musicalmente, de quen vos sentides herdeiros?
-Do ¿Cuando se come aquí? e de todo aquel punk galego con humor que fixeron grupos como Siniestro, Radio Oceáno ou Viúda Gómez. Somos ultrafans de toda aquela movida.
-O punk está de moda. Se cadra máis de moda que nunca.
-Musicalmente o punk hai moito que morreu. Hoxe o punk é unha actitude. Pero hai que ter claro cal. Porque hoxe ata os discursos antisistema forman parte do propio sistema. A nós gústanos moito o caos. Somos moi de Jim Morrison e movidas así.