«Nadal para Todxs», unha forma solidaria de pedalear nas festas
VILAGARCÍA DE AROUSA
Os clubs ciclistas, Zona Aberta e o Concello de Vilagarcía poñen en marcha paseos en bici a diario para dependentes e persoas con diversidade
22 dic 2025 . Actualizado a las 20:25 h.Vilagarcía pon en marcha a segunda edición de Nadal para Todxs, un proxecto solidario de profesionais e comerciantes de Zona Aberta xunto aos clubs Arousa en Bici, Arousa Bike BTT, BTT Trotacumes e Triatlón Vilagarcía, co respaldo do Concello. A iniciativa ofrece a maiores dependentes ou persoas con diversidade un paseo de 30 minutos na carroza de Papá Noel, cedida por Pablo Jueguen e Cristina Durán, para desfrutar do alumeado. O obxectivo é achegar o Nadal a toda a cidadanía e recoñecer o labor de familiares e coidadores.
As viaxes, que inclúen merenda e un agasallo municipal, sairán de Moto Bazar do 22 de decembro ao 3 de xaneiro (agás domingos e festivos), entre as 18.30 e 20.30. Lar e o centro de día xa confirmaron a súa participación, contando coa visita de Rodelfo, o elfo vilagarcián. Os interesados poden solicitar a viaxe en Moto Bazar ou negocios adheridos. A organización fai un chamamento ao voluntariado maior de idade que desexe axudar a pedalear pola causa cun vestido de Nadal.