Heredeiros da Crus, pero que ghallos son os condanados

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Nin a choiva puido con eles o sábado de Revenidas. Como non os vas querer se compuxeron o noso «Still Loving You», o noso «Nothing Else Matters»?

14 sep 2025 . Actualizado a las 20:39 h.

Hai dous anos, na súa sesión vermú, choveu o que quixo, aínda que foi escampando a golpe de guitarrasos. Este sábado, xa na tardiña, veu sucedendo o mesmo. Así que non é estraño que en Vilaxoán prendese un intenso debate sobre a capacidade de Heredeiros da Crus para atraer a choiva. «Mira, rapás, déixate de lerias. Se ten que chover, que chova con Heredeiros, porque a xente vai aguantar aínda que os chuzos caian de punta». Esta voz experimentada puxo fin á discusión. Non hai quen poida cos de Ribeira, que neste Revenidas 2025 volveron demostrar por que son os mellores no seu.

Houbo un tempo no que Javi, Tonhito, Fran Velo e Tucho, agora con Manu asentado tras dos timbais, corrían un risco certo de rebote. Cristo nas festas de Meixón Frío, en Santiago; ladrillaso nas de Caranza, en Ferrol... A lea está superada. Entre outras cousas, porque a banda fixo evolucionar o seu discurso a medida que medraba a súa destreza musical e o seu dominio das táboas. Heredeiros son máximo cachondeo e gañas de vivir cun fato de temasos en puro galego coma legado. Quen queira ver outra cousa que chame á Pitonisa Lola. Escoitar o público de Revenidas cantar as súas cancións a todo pulmón enchía o peito. Non faltaron sobre o escenario nin a sulfatadora —o meniño Breogán e o seu avó saíron pingando— nin unha Karol In que xa quixera a tal Karol G de marras. Como non os vas querer, se esta tropa compuxo o noso Still Loving You, o noso Nothing Else Matters. Corasón de carballo, claro. E lo? Cal ía ser?

Mónica Irago

En forma e con As do Xeito. Aínda que o sábado trouxo moita e boa música a Revenidas —Lendakaris dicindo adeus, Dakidarría sempre ben, tremendos Monolius Dop, uns sorprendentes Onza ou Riot Propaganda como garantía, por citar algunhas das bandas—, o concerto de Heredeiros en Vilaxoán ten un algo especial. Moito máis cando invitaron As do Xeito a cantar con eles. Redondo.