Vilaxoán xa está listo para o Revenidas, «a festa do seu pobo»
VILAGARCÍA DE AROUSA
Organización e representantes políticos salientaron a importancia de entenderse e dialogar polo ben da cultura nun acto de presentación amenizado por Dakidarría
05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A nova edición do festival Revenidas foi presentada no día de onte no Centro Sociocultural do Preguntoiro. Xoán Quintáns, organizador da cita dende o ano 2003, fixo de mestre de cerimonias nun acto no que tamén tomaron a palabra o secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ramón Pereiro, o presidente da Deputación, Luis López, e mais o rexedor de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela.
Estiveron presentes tamén representantes da maioría das agrupacións locais que forman parte do pleno municipal. É dicir, personalidades de case tódalas cores e signos políticos quixeron estar na introdución deste novo Revenidas.
Circunstancia que non lle resulta estraña a Quintáns, que no seu breve discurso puxo en valor a complexidade de «lidiar con tódolos partidos» para poder sacar adiante un festival desta envergadura. Tras agradecer o apoio a tódalas entidades públicas presentes e que puxeron da súa parte para facer do Revenidas unha realidade un ano máis, sinalou a importancia de «aportar todos, senón o festival corre o risco de desaparecer».
Nesa mesma liña apuntaron os representantes da Xunta, do Concello e da Deputación. Pereiro expresou o «orgullo» que supón para a Xunta apoiar «a cultura de todos e para todos», e rematou desexando «que a música sexa a mellor carta de presentación para esta terra».
Alberto Varela e Luis López, deixando diferenzas a un lado, valoraron positivamente o feito de celebrar un festival «descentralizado» e «desestacionalizado».
Nese clima de entendemento, todos quixeron deterse no espírito detrás do festival. Un festival, «que naceu a beira do mar, da man dunha comunidade orgullosa», en palabras de Pereiro, ao que Varela engadiu que o Revenidas «non se entende sen o pobo de Vilaxoán», recollendo o desexo de Quintáns de que o festival sexa, ante todo, «a festa do pobo de Vilaxoán». Un pobo no que, iso si, todos son benvidos.
Gabri e o vilagarcián Iñaki, membros de Dakidarría, foron os encargados de pechar un acto cargado de orgullo do noso co seu tema Terra, acompañados na voz da filla do primeiro. Un aperitivo do que vén. Á saída, o escenario principal érguese xa ao carón do porto. Comeza a conta atrás para o Revenidas.
Os horarios
XOVES 11
- Hugo Guezeta - 18.20
- Dick Move - 19.20
- The Rapants - 20.20
- Tha Baboon Show - 21.35
- Dubioza Kolektiv - 23.15
- Sanguijuelas del Guadiana - 0.40
- Buhos - 1.50
- Galician Army - 3.00
VENRES 12
- Seitura - 16.50
- J Martina - 17.45
- Sés - 18.50
- Les Testarudes - 20.00
- Fermín Muguruza - 21.30
- Sons of Aguirre & Scila - 23.40
- Baiuca - 0.40
- Svetlana - 1.55
- Talco - 2.55
SÁBADO 13
- Filloas - 11.30
- Lendakaris Muertos - 12.30
- Monoulious DOP - 14.15
- Mondra - 15.20
- F.R.A.C. - 16.35
- Dakidarría - 17.30
- Bewis de la Rosa - 19.00
- Heredeiros da Crus - 20.05
- Onza - 21.50
- Riot Propaganda - 23.00
- La Élite - 0.30
- La Fúmiga - 1.40
- Omiri - 3.00
DOMINGO 14
- Os Terribles de Arousa - 12.30
- Concerto Punkinfantil - 13.00
- As do Xeito - 14.15
- Mekánika Rolling Band - 15.30
- Orkestra Bravú Xangai - 19.45
- Terrae - 21.15
La Duendeneta pinchará entre concertos e Yaya DJ farao no fin de festa do sábado