O Arousa fixa o partido de volta coa UD Ourense como medio día de axuda ao club

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Santi M. Amil

Os socios deberán pagar 5 euros para ver o encontro, manténdose para o resto os prezos habituais da temporada

22 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Arousa iniciou a semana coñecendo que a TVG volveu fixar o domingo ás 20 horas para a disputa do partido da primeira eliminatoria da fase de ascenso á Segunda R.F.E.F., fronte á U.D. Ourense. Un cruce que cambia esta semana o terreo de xogo do Couto polo da Lomba, nunha circunstancia que Manolo Abalo e os seus compañeiros de executiva arlequinada queren aproveitar para reforzar as arcas do club vilagarcián, fixando o encontro como medio día de axuda ao club.

A decisión tradúcese en que os socios do Arousa tamén deberán pasar pola billeteira da Lomba. No seu caso, abonando 5 euros. A cambio, a directiva ofrécelles a posibilidade de retirar, no mesmo momento, unha segunda entrada polo mesmo prezo para un acompañante. Pódeno facer nas oficinas do club mañá xoves e o venres de 11 a 13 e de 17 a 21 horas. Os socios poderán comprar os seus billetes tamén o mesmo día do partido, pero neste caso, sen opción de sacar outro para un acompañante.

Para o resto de afeccionados que desexen acudir ao encontro, as entradas custarán ao prezo do resto da temporada, isto é, 10 euros na grada de preferencia e 15 na de tribuna.

A fin de tentar encher co máximo número de persoas posible a Lomba, o Arousa repartirá esta semana 1.200 entradas entre os escolares de Vilagarcía, sendo o acceso aos menores de 16 anos gratuíto.