Facer do salvamento un xogo de nenos para captar vocacións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

Alumnos do colexio A Escardia aprenderon os fundamentos da disciplina deportiva na praia do Preguntoiro da man do CNS Vilagarcía

27 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen pasara a media mañá de onte a carón da praia vilaxoanesa do Preguntoiro abofé se sorprendería da cantidade de rapaces na súa area. A falta inda case dun mes para o remate das clases, tan inusual estampa a esta altura do ano tiña a súa explicación. Setenta alumnos do colexio A Escardia de Vilagarcía e os seus profesores achegáranse ata o lugar para iniciarse nos principios do salvamento acuático. Fixérono desde a óptica deportiva, da man do CNS Vilagarcía, o club local que, ademais, leva unha década medrando ata situarse entre as canteiras de referencia da disciplina en Galicia.

Sendo que a cousa ía de achegarse ao deporte, os profesores da Escardia tiraron proveito das ciclovías da vila para chegar ao Preguntoiro cos seus alumnos en bicicleta. Unha vez na praia, deportistas do CNS Vilagarcía amosáronlles o material que empregan nas competicións, tanto en piscina coma no mar, facendo pequenas demostracións dalgunhas das probas que practican, como a carreira de relevos de esprint ou de bandeiras. Tamén lles informaron aos rapaces dos perigos e dos riscos á hora de nadar no mar e da conveniencia da práctica do deporte para o coidado e o benestar da saúde, tanto física coma mental.