O mal tempo obriga a aprazar algúns actos de «Vilagarcía, cidade de libro»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

As casetas para a venda de exemplares non abrirán ata mañá

21 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A previsión de choiva para toda a xornada de hoxe levou ao Concello de Vilagarcía a modificar a axenda da xornada inaugural de «Cidade de Libro». «Para non perder ningún dos actos programados e para que estes se celebren nas mellores das condicións», varios dos eventos cos que ía arrancar estes días de letras e literatura tiveron que ser movidos ao longo dos vindeiros días. Deste xeito, o escritor Carlos Meixide presentará igualmente en Cortegada o seu libro Camiño de Paixóns, nun acto aberto ao público, pero que pasa a celebrarse o mércores pola tarde.

Para non deslucir o acto, a apertura das casetas das librarías e das editoriais participantes aprázase ao martes, e ás actividades de animación infantil da «Fantasía Xacobea» previstas no Miguel Hernández, así como a performance Protexendo o camiño, buscaráselles acomodo nas restantes xornadas do «Vilagarcía, cidade de libro».

Como xa de dixera, o Libro con Rodas percorrerá o luns varios colexios do municipio cos seus Contos no Camiño. Estará ás 9.45 no centro de Rubiáns, ás once no de Vilaxoán e ás doce e cuarto no da Lomba, con Josito como xograr medieval.

Tan só un dos actos previsto para o luns se anula. É o remonte do Ulla que ían facer as autoridades a modo inaugural do evento literario que nesta primeira xornada está dedicado á literatura Xacobea.