O tráfico nas estradas provinciais aumentou un 2,8 % o pasado ano

LA Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O luns arrincan no Salnés as medicións da campaña do 2019

23 may 2019 . Actualizado a las 14:12 h.

A Deputación de Pontevedra vén de facer pública a memoria anual de aforos 2018, un documento no que se recompila a información obtida sobre o tráfico nas estradas da súa competencia durante o ano 2018. Este estudo revela, analizando os datos de tráfico da totalidade da rede rexistrados nos dous últimos anos e as extrapolacións correspondentes, que as intensidades de tráfico experimentaron un aumento do 2,8 % no 2018 con respecto ao exercicio anterior, sendo o incremento de vehículos pesados dun 4,3 %.

O obxecto da Memoria anual de aforos é dar a coñecer a demanda de mobilidade nas estradas de titularidade da Deputación de Pontevedra, é dicir, o uso que se fai destas infraestruturas, e tamén facilitar o acceso aos datos, que se poden consultar no apartado de Mobilidade da páxina web da Deputación (www.depo.gal/plan-de-aforos) nas fichas correspondentes a cada estrada.

Neste exercicio realizaranse un total de 150 medicións, das que 119 serán semanais e 31 diarias en estradas de diferentes tipoloxías.

Na zona do Salnés comezarán os controis de tráfico o vindeiro luns en O Grove na EP- 9106 de acceso á praia do Carreiro e na EP-9210 de Sanxenxo, de acceso a Roxique. Seguirán por Cambados (EP-9005 Corbillón-Tremoedo), Sanxenxo (EP-9211 Vilalonga-Fianteira), Vilanova (EP-9702 As Sinas-Vilanova) e Illa de Arousa (EP-9801 Ponte-Laxes e EP-9802 da estrada As Aceñas).

Todas estas estradas terán contadores semanais que rexistrarán o paso de vehículos e as súas velocidades, entre outros datos, a través de estacións pneumáticas que consisten nun aforador móbil conectado a dúas gomas que se ancoran na estrada e que detectan o paso pola presión que se exerce sobre elas. Os datos obtidos darán lugar á Memoria anual de aforos 2019.