O Arousa mídese a un Racing de Ferrol deprimido e en cadro

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

Rafa Sáez, que recupera a Javi Otero, pretende tirar da boa dinámica arlequinada ante un rival sumido nunha crise, e sen o seu porteiro titular

17 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa coprotagoniza esta tarde na Malata (17 horas) o partido estrela da xornada tras o que onte enfrontou a U.D. Ourense e o Compostela no estadio do Couto. Un duelo este con 0-2 final, que deixa en mans do cadro arlequinado reducir hoxe a 4 puntos a súa diferenza coa zona de promoción de vencer o Racing de Ferrol. 

Segundo mellor equipo do grupo galego da Terceira División ata a disputa da presente xornada, a número 28 do calendario, o cadro departamental vive o seu peor momento da tempada. Porque se o seu modesto arrinque de Liga, con tan só a metade dos primeiros 24 puntos en xogo no seu casilleiro, podía terse explicado nun razoable período de adaptación a unha categoría como a Terceira, que había anos que non pisaba, os dous empates e outras tantas derrotas nas súas catro últimas comparecencias ligueiras non fan máis que reflectir as serias dúbidas que hoxe esperta un equipo que viña de 17 xornadas sen perder, con doce vitorias incluídas. Un empate a 1 co Alondras e a 2 co Paiosaco son os resultados das súas dúas máis recentes comparecencias na Malata, con derrotas nos campos do Silva, 3-2, e do Compos, 4-3, nas dúas últimas saídas do equipo que dirixe Emilio Larraz.

Certo é que as lesións se están a cebar cun plantel moi curto, de tan só 16 efectivos. Pero non o é menos que a sucesión de baixas de alcance no Racing de Ferrol son unha tónica que o leva acompañando desde practicamente o inicio da Liga. De aí que non sirva de explicación a unha realidade tan grave como os nove tantos en contra que leva encaixados nos tres encontros de Liga que preceden a visita do Arousa esta tarde á Malata.

Deses nove goles en contra, os tres últimos encaixábaos o pasado domingo Chema, o segundo porteiro do Racing, que no campo do Compos xogaba os seus primeiros minutos da tempada substituíndo no 23 de partido a Diego Rivas, o cancerbeiro titular ferrolán, por un golpe que lle impide aliñarse hoxe fronte ao cadro de Rafa Sáez. Javi Rey, ao que xa lle está a buscar substituto o club no centro do campo tras confirmarse a rotura do ligamento cruzado dun xeonllo un par de semanas atrás, e o dianteiro Javi Sanmartín son as outras ausencias hoxe nas filas do Racing, co seu técnico obrigado a convocar a tres futbolistas do conxunto de División de Honra Xuvenil.

Emilio Larraz cualificaba esta semana o Arousa como «el peor rival que nos podía tocar ahora» polo seu poderío ofensivo, cando ao Racing non lle queda outra hoxe que expoñerse no seu campo na procura dun triunfo reparador. Sen Cristóbal, Manu Rodríguez nin Aarón inda, pero recuperando a un Javi Otero sancionado a semana anterior, Rafa Sáez comentaba onte que «tentaremos aproveitar a inercia dos nosos catro últimos partidos», con tres triunfos e cun empate do Arousa, e a imaxe de superioridade sobre o Compostela e o líder, Bergantiños.