Multitudinaria manifestación feminista polas rúas de Vilagarcía

Arredor de 4.000 persoas, segundo a organización convocante, a CIG, congregáronse na capital arousá para reclamar a igualdade da muller e do home a todos os niveis, e en todos os eidos da sociedade


Vilagarcía / La Voz

As mobilizacións dos diferentes colectivos, asociacións e demais entidades impulsoras da folga feminista do 8 de marzo arrincaron no Salnés cunha potente manifestación polas rúas de Vilagarcía hoxe ao mediodía. Arredor de 4.000 persoas, segundo o sindicato organizador, a CIG, percorreron a distancia que separa as prazas de Ravella e de Galicia, con paso intermedio pola da Constitución. Unha mobilización cuxa dimensión queda patente na chegada da cabeceira da manifestación á metade do percorrido coa cola despedindo nese momento a parella de leóns que flanquea o acceso ao consistorio vilagarcián.

Maioritariamente mulleres de todas as idades, desde cativas ata xubiladas, pero tamén cun bo número de homes respaldándoa, a mobilización rematou na Praza de Galicia coa lectura dun manifesto reivindicativo. Un labor do que se ocupou con verbo enérxico unha traballadora do sector da conserva, que relatou as máis grosas das moitas razóns que sosteñen a folga convocada o 8 de marzo co gallo do Día da Muller Traballadora. Como a fenda salarial do 21,5 % das mulleres galegas respecto ao que cobran os varóns que realizan o seu mesmo traballo, que o 77,3 % do total dos empregos a xornada parcial sexan ocupados por elas, ou que as pensionistas galegas ingresen de media 5.000 euros anuais menos cos homes. A desigualdade en materia de conciliación ou a violencia machista en todas as súas vertentes foron outros dos temas denunciados no manifesto, brandidos como argumento para defender a convocatoria de folga feminina e feminista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Multitudinaria manifestación feminista polas rúas de Vilagarcía