Inesperada derrota do Viajes Interrías en Lugo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Derrotas do Dorna e do Breogán, e triunfo do Cum Laude

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Duro golpe o sufrido polo equipo de cabeceira do Club Xadrez Fontecarmoa na División de Honra da Liga Galega. Lonxe de recuperar o terreo perdido unha semana atrás ante un rival directo e actual líder da competición, o E.X.P.-Universidade de Vigo, o C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo caía o pasado sábado 3,5-2,5 no local de xogo do E.L.X. Seguros Arango de Lugo. E iso que a cousa comezou moi ben para o equipo vilagarcián, con táboas de Dan Cruz e con Roi Reinaldo acadando o único triunfo visitante, sobre Pérez Carballo.

A partir de aí, as partidas dos tres Julios do C.X.F., González, Torrado e Suárez, que tan ben pintaban de inicio, fóronse revirando, co primeiro perdendo a seu duelo, e os dous restantes repartindo os puntos cos seus adversarios. Con empate a 2,5, a derrota de Lucas Abal diante de Pablo López endosoulle a segunda derrota consecutiva a un Viajes Interrías que se mantén cuarto con 13,5 puntos, a 2 dos colíderes E.X.P.-U. Vigo e do USC, este último o seu vindeiro rival.

Na Primeira División, o C.X.F. Baños Print obtivo un empate a 2 no local de xogo do líder, o Padrón A, co Dorna Vengarco encadeando a súa segunda xornada en negativo, 0-4 co E.X.P.

Mentres, no grupo D da Segunda rexistráronse estes resultados con acento arousán: C.X.F. McDonalds (líder) 4-0 Breogán (pechacancelas), Portas 1,5-2,5 X. Cum Laude, e CCD Sanxenxo B 1,5-2,5 C.X.F. Casa da Xuventude.