Dúas formas diferentes de vivir unha artística noite de sábado

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A danza de Gema Pizarro ocupará o auditorio; no Salón García estarán Manso e Amigos

20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas propostas «diferentes e de grande interese» é o que oferta o Concello de Vilagarcía para o vindeiro sábado. Por unha banda, os amantes da danza clásica terán a súa cita no auditorio municipal, onde o centro de danza Gema Pizarro ofrecerá a súa gala de Nadal. Os que opten pola música popular, poderán dirixirse ao Salón García para asistir ao concerto de Manso e Amigos.

As alumnas e alumnos do Centro Gema Pizarro interpretarán as coreografías que veñen preparando dende hai tempo co obxectivo de volver a deleitar ao público cos coidados e traballados números caracterizados polo perfecto equilibrio entre a técnica e a estética. A actuación comezará ás 20 horas. O prezo da entrada é de catro euros na zona A, tres na zona B e dous na zona C do patio de butacas. As localidades poderán adquirirse no día da gala na billeteira do auditorio de 10 a 13 horas e de 18 a 20 horas.

O público que se decante polo apartado musical tamén está de sorte, posto que, igualmente o sábado, terá lugar un dos clásicos de Nadal, o concerto de Manso e Amigos. O grupo que lidera Salvador Cores O Manso actuará no Salón García a partir das 20 horas. Neste caso a entrada é libre e de balde ata completar aforo.