O idioma dos Reis e a polémica inesperada

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O BNG pide explicacións «pola negativa a usar o galego na cabalgata» e Ravella afirma que tal circuntancia non se deu

07 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

¿En que idioma falan os Reis Magos?. A pregunta non é fácil. Nenos de todo o mundo levan anos formulándoa, preocupados porque os Magos non sexan quen de descifrar as súas cartas se non atinan co idioma. Ese foi o medo que, contaba unha nai no Facebook, experimentou o seu fillo maior ao escoitar, no acto de presentación dos reis en Ravella, «que ían falarlles en castelán, que non entenden o galego». Esa circunstancia parece ser a orixe dunha polémica que se desatou onte na rede social, pero que de seguido transcendeu á escena política. Fíxoo da man do BNG, que emitiu un comunicado anunciando que vai pedir explicacións ao goberno local «pola negativa a usar o galego na cabalgata».

Di Xabier Rios que «é moi grave que dende un acto organizado polo Concello, o representante dos Reis Magos manifeste que non vai usar o galego porque non o entenden». «Non se pode crer nun Rei Mago que descoñeza un idioma tan antigo e rico como o noso, a menos, que non sexa nin mago, nin de Oriente, e unicamente represente a monarquía española», sinala.

Dende o goberno local mostraban onte a súa sorpresa. Segundo a voceira do goberno, Tania García, o que ocorreu en Ravella foi o mesmo de todos os anos: Melchor manifestou que tiña problemas para entender «tanto o galego coma o castelán». García indicou que «por suposto que non hai ningunha directriz para que non se utilice o galego», e aproveitou a ocasión para «agradecerlle aos Reis que sempre veñan participar na cabalgata de Vilagarcía».