O Lietuvos Rytas destitúe a Nicola, pero Alberto Blanco continúa de momento no club

vilagarcía / la voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

O técnico vilagarcián viaxa hoxe a Estambul como parte da expedición do equipo lituano que se medirá o Beskiktas na Eurocup

17 nov 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

A primeira hora da tarde de onte Marcelo Nicola deixaba de ser adestrador do Lietuvos Rytas. O segundo gran club de Lituania comunicáballe ao técnico arxentino a súa destitución. O motivo, o pobre balance do conxunto na Eurocup, a segunda competición continental do baloncesto europeo, na que avanza penúltimo do Grupo E cun balance dun triunfo e de catro derrotas.

A nova ten un impacto directo no baloncesto arousán, en tanto Marcelo Nicola foi o valedor da fichaxe do vilagarcián Alberto Blanco como integrante do seu corpo técnico en calidade de axudante. Un papel centrado en gran medida no labor de olleador dos equipos rivais, e que levou o presidente do C.B. Vilagarcía a facer as maletas a mediados de agosto con destino a un dos berces do baloncesto no vello continente para elevar outro chanzo o seu soño de disfrutar do baloncesto como unha profesión -xa o facía como olleador de novos talentos para varias franquicias NBA e europeas-, tal como dicía Alberto Blanco nunha entrevista a La Voz antes de partir cara ao seu novo destino. Unha oportunidade xurdida sen sabelo dez anos atrás nun campus en Italia co nacemento da súa amizade coa que fora estrela de varios dos mellores equipos europeos dos anos 90 e mediados da primeira década de Século XXI, caso do Baskonia, Panathinaikos, Barça ou Benetton de Treviso.

A día de onte a situación do técnico vilagarcián no Lietuvos Rytas non variara pese á marcha do seu valedor no vestiario lituano. Así, Alberto Blanco viaxa hoxe a Estambul como parte do corpo técnico do equipo para afrontar mañá o partido que o medirá ao Besiktas. Un choque no que Aurimas Jasilionis exercerá a función de adestrador accidental.