O BNG acusa ao Concello de Valga de favorecer a contratación dunha persoa vinculada a un concelleiro do PP
VALGA
Os nacionalistas e o colexio de traballadores sociais recorreron as bases dun posto de técnico en envellecemento e dependencia que primaba a titulación de Dereito
24 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai unhas semanas, o Concello de Valga modificou as bases para a contratación dun técnico en envellecemento activo e prevención da dependencia. Fíxoo logo dun recurso presentado polo Colexio Oficial de Traballo Social e unha denuncia do BNG, que subliñaban que a oferta ignoraba a formación en Traballo ou Educación Social para esixir unha licenciatura en Dereito, Economía ou Administración e Dirección de Empresas.
O posto, froito dun convenio coa Xunta, está retribuído con 33.050 euros. Os nacionalistas, empregando argumentos do propio rexedor popular, José María Bello Maneiro, sosteñen que o verdadeiro problema en Valga non é o persoal técnico, senón as carencias do Servizo de Axuda no Fogar que, con esa inxección económica, vería melloradas as súas prestacións con 1.500 horas máis na modalidade de dependencia ordinaria.
Na listaxe de admitidos, explica o Bloque, só hai catro persoas. Unha delas licenciada en Dereito e vinculada a un membro do goberno local do PP. Algo que o BNG considera «unha artimaña» para favorecela cun intolerable «trato de favor» pola súa banda. Os nacionalistas esixen a Bello Maneiro transparencia e a fin «deste tipo de prácticas que non poden ser normalizadas», lembrando o sucedido cunha praza de arquitecto, que o Concello tamén tivo que reconfigurar por un motivo semellante.