
Corredores, escaleiras e outros espazos comúns de todas as plantas do inmoble locen adecentados unha vez rematados os traballos
13 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O CEIP Baño-Xanza deu comezo onte ao novo curso con nova imaxe interior, tralas obras de acondicionamento das paredes executadas polo Concello e que afectaron a todo o edificio de Educación Primeira, con excepción das aulas.
Corredores, escaleiras e outros espazos comúns de todas as plantas do inmoble locen adecentados unha vez rematados os traballos, que incluíron a retirada do azulexo que cubría todas as paredes. Os operarios da empresa local Pabesa Senín tamén picaron a cola e lixaron as paredes para deixalas completamente lisas e, por último, pasteáronas de novo e pintáronas de cor branca.
Outra das actuacións que se levou a cabo no colexio foi a unificación de dúas aulas, nas que antes se impartían as materias de inglés e música. Tirouse a parede que as dividía resultando unha aula moito máis grande, de case 50 metros cadrados, e adaptada as necesidades docentes, xa que nela desenvolveranse clases de danza e música.
Ademais, nos últimos meses o centro de Valga levou a cabo diversos traballos de posta a punto de cara ao novo curso no marco do programa Embelecer Valga. Coa axuda de profesores, alumnos e familias e con materiais aportados polo Concello, rematouse o arranxo da biblioteca, co pintado de paredes e a dotación de novo mobiliario.