Será o día 28 cando se produza a viaxe no tempo, que se desenvolverá coma sempre na Capela da Saúde
06 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
A guerra, ben sabemos, non ten nada de divertido: é unha cadea de medo, morte e dor que vemos reflectida nos ollos de tantas a tantas persoas desprazadas, ao longo do mundo, polos conflitos bélicos. A única guerra boa é a que é de broma, aínda que antes non o fóra. É o caso da batalla eterna que libra o exército francés e a xente de Valga en Casal do Eirigo. Conmemorando o corpo a corpo que libraron durante a Guerra da Independencia, ámbolos dous bandos atópanse cada no para repetir a historia, agora convertida en festa. A tradición foi interrompida, coma todo, pola covid-19, pero este ano volve. E volve con ganas.
Será o día 28 cando se produza a viaxe no tempo, que se desenvolverá coma sempre na Capela da Saúde. A programación presentouse onte en Bronllo, onde se instalou unha valla de tres metros de ancho por dous de alto para promover a celebración. Asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, a edila Carmén Gómez e representantes da asociación Heroes de Casal de Eirigo, ataviados cos traxes dos dous bandos que se enfrontarán na recreación.
As actividades previstas para o sábado 28 darán comezo ás cinco da tarde, coa recepción de autoridades e o desfile das tropas participantes. Alarmas de Pontecaldelas, Pontesampaio, San Antoíño de Mos, a asociación Casco Vello de Vigo e o grupo A Troula serán os reforzos cos que conten as alarmas locais para plantarlle cara ao exército francés.