Sandra, Alba e Elena

Alfonso Rueda Valenzuela TRIBUNA

VALGA

MONICA IRAGO

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia enteira está de loito por un crime arrepiante e sen sentido. Sandra, Alba e Elena foron asasinadas e dous inocentes nenos quedan orfos, cunha vida rota e privados de súa nai, súa tía e súa avoa, cun pai que non é un pai senón que é un asasino. O asasino que acabou coas vidas das persoas que máis querían.

O acontecido en Valga é unha auténtica aberración e non hai consolo para eses nenos, para esa familia, nin para os seus veciños nin para ninguén. A lacra da violencia machista volveu golpear con toda a dureza e agora a prioridade debe ser que non lles falte de nada a eses pobres pequenos e ofrecerlles toda a atención que precisan.

Son días de dor, de indignación e de impotencia, pero non pode caber a resignación. Non debemos resignarnos ante un dos grandes males do noso tempo, senón que debemos redobrar esforzos para loitar contra el e para erradicalo para sempre.

Nos últimos anos téñense producido substanciais avances nesta loita, co pacto de Estado como gran referencia. Un acordo de país, rubricado por Administracións de distinto signo, que só en Galicia supón un investimento de 8 millóns de euros cada ano en medidas para loitar contra a violencia de xénero en todos os ámbitos.

Avances fundamentais, pero está claro que aínda insuficientes, como dramaticamente quedou patente neste luns negro para Galicia. Hai que seguir traballando día a día, se cabe con máis empeño: con axudas ás vítimas, con apoio e asesoramento, con medidas preventivas e lexislativas e, sobre todo, na educación.

E fronte a aquelas que oportunistamente queren buscar réditos partidistas mesmo en casos tan dolorosos como o de Valga hai que manter a unidade de todos os partidos, institucións e Administracións, porque esta loita é de todas e de todos e porque está demostrado que avanzamos máis traballando xuntos.

Pero non chega só coas Administracións. Precisamos da implicación de asociacións, de empresarios, de sindicatos, de toda a sociedade. É fundamental que as persoas afectadas e o seu contorno denuncien, que chamen a atención sobre casos que doutro xeito poden non ser detectados e acabar en traxedia. Non vale de nada dicir despois que xa se vía vir se ninguén lanzou a voz de alarma.

O machismo segue a matar ás mulleres e todas e todos debemos implicarnos para evitalo. A violencia de xénero é unha lacra que nos afecta a todos, que nos fai peores como sociedade e que debemos combater e erradicar coa implicación de toda a sociedade. A tolerancia non ten cabida.

As mortes de Sandra, Alba e Elena non poden quedar impunes, non poden caer no esquecemento. Non podemos baixar os brazos, é momento de traballar aínda máis para acabar coa violencia de xénero. Por Sandra, por Alba, por Elena e por tantas outras asasinadas. Polas nosas nais, polas nosas irmás, polas nosas fillas. Porque ningún outro neno quede orfo por culpa do machismo asasino.