A pandereteira que segue a tocar en Valga

m. santaló VALGA / LA VOZ

VALGA

Martina Miser

Aos seus 87 anos, fixo soar o instrumento que manexa dende nena na sementeira que se realizou onte

26 abr 2018 . Actualizado a las 16:00 h.

Coa de onte, xa van dez. Valga acolleu unha nova edición da primeira etapa do Encontro Interxeracional: tras a sementeira do trigo, continuará nos próximos meses coa sega, a malla e, por último, a festa do trigo. O programa educativo posto en marcha polo Concello de Valga xa é toda unha tradición: rapaces e maiores conviven no lugar de Ferreirós nunha xornada na que os máis pequenos empápanse das lembranzas e das experiencias dos maiores e axúdanlles a sementar o trigo como se facía antano: cando a maquinaria aínda non chegara ao sector agrario e había que botar man da unión entre veciños para axudarse uns aos outros coas tarefas da terra.

«Paréceme unha excelente iniciativa, unha boa forma de que aprendan a historia do seu pobo e de como traballaban seus antepasados». Estas palabras son de Olga Tarrío Campaña, unha veciña de Valga que sabe ben que é iso de levantarse moi cedo para traballar o campo. Aos seus 87 anos, esta veciña bota a vista atrás para recordar como o seu pai a espertaba ás cinco da mañá para ir sachar. «¡Cómo custaba levantarse!», ri. Fala mentres observamos como os rapaces seguen as indicacións dos que onte foron os seus mestres nesto de coidar o campo. Olga era uns anos máis maior ca eles cando comezou a madrugar. «Tiña quince ou dezaseis anos», indica.

¿Cál era a súa rutina?. Olga e os seus irmáns collían o sacho ata as nove de mañá, momento no que comezaba a facer malabarismos: cargaba na cabeza os sacos de herba que ían servir de comida para os animais. «Tíñamos un boi e unha vaca, o primeiro para traballar e a segunda polo leite», rememora.

A xornada comezaba cedo e supoñía moito traballo, pero tamén había tempo para divertirse. Olga era, e sigue sendo, pandereteira. De feito, onte acudiu a primeira parte do Encontro Interxeracional cargada do seu instrumento. Todo un pracer: esta veciña de Valga toca as mil marabillas. Ten lóxica, levan pegada a pandereta dende que tiña once anos. Foi a súa nai a que lle ensinou a tocar e, co paso do tempo, a práctica adquirida lle serviu para montar as festas que non había. «Non tíñamos onde bailar e empezamos a usar o son das nosas panderetas para crear a música». Pronto contaron co acompañamento de gaitas e tambores: a diversión estaba asegurada.

A cita para bailar era os domingos pola tarde no lugar de Moldes, onde ela vivía. Olga chegaba cedo, sobre as catro, tardando algo máis os mozos que viñan dende máis lonxe. «Acudía xente de tódolos lados, incluso dende Dimo (Catoira)», recorda. Non é de sorprender que naqueles bailes xurdiran tantos amoríos: «Formárense moitas parellas». Non é o seu caso, o amor apareceu en San Blas, pero pronto formaría tamén parte de esas festas. Daqueles «bos tempos».

Da súa nai son so aprendeu a tocar a pandereta. Olga recorda que, aínda que foi ao colexio ata idade de comezar a traballar na finca, foi ela que lle ensinou a escribir. «Recordo que escribía as cartas dirixidas aos homes que emigraran a Buenos Aires. As súas mulleres viñan ata casa e lle ditaban o que querían que puxese», relata. Xa pasaron moitos anos dende entón, pero hai algo que non cambiou: son unha gran familia unida. Marcharon uns e viñeron outros, pero seguen sendo unha boa tropa. Se naqueles tempos de mocidade eran once na casa, agora Olga pode presumir de ter sete netos e oito bisnetos. «Un deles fixo hoxe (por onte) dezaoito anos», di orgullosa. Setenta menos que ela: cumprirá 88 anos o 12 de xullo e a familia reunirase no espazo que habilitou na súa casa para as xuntanzas familiares: poden chegar a ser cerca trinta persoas.

Nestas alturas da conversación, os sesenta alumnos das escolas unitarias, 44 de quinto de Primaría do CEIP Baño-Xanza, vinte de primeiro de Primaria do CEP Xesús Ferro Couselo e os usuarios do CODI xa remataron a súa misión e desfrutaban da tradicional comilona. Como, cada ano, todo foi sobre rodas. Pero, iso si, notouse unha gran ausencia. Xa o di Olga, José Bures, O Rato, sempre poñía unha nota de alegría.